A vista para determinar a propiedade dos bens do Pazo de Meirás comeza esta quinta feira

Estado español, Xunta e Concello de Sada demandan a propiedade de varios dos bens que se gardan no interior do pazo. 
Detalles do interior do pazo de Meirás. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Detalles do interior do pazo de Meirás. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

A vista destinada a determinar que bens patrimoniais forman parte do Pazo de Meirás comeza esta quinta feira no edificio da antiga Audiencia Provincial da Coruña.

Así o determinou o Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña, que fixou tamén a sexta feira, 1 de xullo, para a continuación da mesma.

Na dilixencia, a letrada ordenou, tal e como foi solicitado, citar a testemuña e peritos propostos pola familia Franco, ademais do perito do Concello de Sada. Por outro lado, as demais partes quedan encargadas da citación das testemuñas e peritos dos que teñan a ben valerse.

Inicialmente fixada para outubro do ano pasado, xa se pospuxo para celebrala en novembro e, con posterioridade, en xaneiro. Con todo, aprazouse, nesta última ocasión a solicitude da Administración Xeral do Estado e da Xunta, quen pediu a suspensión porque o informe pericial elaborado pola familia Franco tivo entrada a principios dese mes.

Bens de Meirás

O Estado español reclamou 133 bens gardados en Meirás, dos que 55 son os que están en discusión actualmente coa familia Franco.

Con posterioridade, a Xunta comunicou á administración estatal que hai outros 49 bens, uns da época de Emilia Pardo Bazán e outros da Xefatura do Estado, que deberían ter tamén a consideración de Ben de Interese Cultural (BIC) e expuxo ao Estado que os reclamase xudicialmente.

Pola súa parte o Concello de Sada defende, no seu incidente de execución, a titularidade pública de todos os bens desde a época de Emilia Pardo Bazán até a morte de Francisco Franco, e que foron incorporados polo Estado español durante a ditadura.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios