UNHA ESCOLMA DO PAPEL

Virxinia e Castelao: roteiro amoroso

Screen Shot 2017-05-03 at 13.44.04
photo_camera O Pazo de Guimarei deixou pegada na obra de Castelao

Ao xeito dos salmóns do Ulla, a estirpe de Castelao descendeu polo río até Rianxo para logo volver remontar o curso até A Estrada na que veu casar Daniel impulsado polo amor que despertara nel a filla dun avogado Estradense, Camilo Pereira Freijenedo.

Castelao terá unha intensa relación con esta bisbarra. As súas estadías, na pensión de Mato, veñen dos tempos en que lle fai as beiras a Virxinia. Logo do seu casamento no 1912 acudirá intermitentemente a este municipio a pasar longas temporadas. Aquí nacerá dous anos despois o seu malfadado fillo Alfonso Xesús de Braga e, traspasando o ámbito familiar até a perspectiva política, cómpre lembrar que foi na praza principal estradense na que deu o seu último mitin e, seguramente, nesta comarca, concretamente no concello de Forcarei, tería celebrado o seu primeiro, na campaña electoral coas Irmandades da Fala a prol da candidatura de Losada Diéguez no 1918.

O fogar dos Pereira está moi politizado e podemos subliñar nel o seu patriarca, Don Camilo, quen fora de- putado provincial do Partido Liberal na restauración, até os primos de Virxinia entre os que atopamos militantes do PG e mesmo un concelleiro nacionalista na República, pasando polo cuñado Alfredo Pérez Viondi, quen fora o último en retar ao Marqués de Riestra nunhas eleccións antes do golpe primoriverista. Constatamos pois un ambiente plural e inclinado cara á “cousa pública”. Se tivéramos que fixar o abano ideolóxico da parentela teríamos que situar nun extremo a Castelao e noutro a Ángel Pereira Renda, irmá de Virxinia, quen no 36 terá un papel destacado na coordinación do golpe franquista ao dispoñer dunha radio coa que poder burlar o control que mantiña o Goberno Civil das liñas telefónicas. Se queremos estender máis os vencellos poderíamos chegar até Manuel Guillán Abalo, cuñado do Comandante Angel Pereira, e que será un dos seis paseados na noite do 9 de decembro de 1936 a un quilómetro da Vila.

Screen Shot 2017-05-03 at 13.43.39Por iso non deixa de estrañar a pegada que deixou A Estrada e a súa contorna en Daniel. Na súa vida, e no seu pen- samento. Así, seguramente tería nel impacto a experiencia de como a loita agraria desembocou no primeiro con- fronto electoral que librará o naciona- lismo da man das Irmandades da Fala e como ese proxecto foi abortado polo caciquismo -nada menos que do Marqués de Riestra- que aferrollaba un concello que sendo no 1900 o de maior número de habitantes da provincia (maior que Vigo e Pontevedra), por confiarse no feito de ter parido a tan grande saga caciquil, foi esmorecendo até ficar fóra dos polos de desenvolvemento.

Mais será a paisaxe estradense a que máis claro testemuño nos deixa da in- fluencia na súa obra artística ao figurar de fondo de moitos dos seus deseños. Aínda que non debemos descartar o potencial que este feito ten para esclarecer tamén algún dos seus relatos. Mesmo como nesa fusión de texto e debuxo que el nos presenta, algunha peza como A Marquesiña,, na que podemos recoñecer na ilustración á fonte do pazo de Oca, ou El último hidalgo de gotera, publicado en Madrid, anticipo en xermolos do que serán as súas Cousas. Neste retrato da fidalguía en extinción topamos como xoga no seu deseño coa Torre medieval e o Pazo de Guimarei en diferentes planos, fixando estratos nos que desde os Irmandiños até a actualidade, pasando polo pequeno esplendor dos pazos da ilustración, unha clase parasitaria é relegada e disolta no esquecemento, como as ruínas que son comidas polas edras.

Screen Shot 2017-05-03 at 20.59.57Guimarei e Ouzande, dúas parroquias limítrofes coa vila, serán destino preferente das súas andainas fuxindo do balbordo cara un entorno natural e patrimonial co que se sentirá confortado. Cara Ouzande xa ía da man de Virxinia cando eran mozos pois era posíbel ficar baixo a supervisión dos tíos da rapaza que velaban pola súa virtude desde o tellado da súa casa da rúa que logo levaría o nome do devandito Pérez Viondi. Mais até aquí tamén o acompañou seu sogro, con quen atopou nunha desas percorridos unha estela galaico-romana – reciclada como poste dunha cancela- e que logo doaría ao Museo de Pontevedra no que se atopa hoxe. A estela e os cruceiros foron obxecto dos seus deseños, mais será a igrexa románica co seu Agnus Dei e abundantes canzorros a quen lle dedicará maior atención na súa obra, mesmo figurando nun dos seus óleos. Esta impresionante igrexa do século XII é un dos fitos do abundante románico estradense e seguramente as curiosas pegadas antropomórficas ou animais labradas en pedra polos canteiros medievais foron fonte de inspiración e alimento do seu estilo xenuíno máis co interese posto en conectar coa tradición galega de arte popular.

Cara Ouzande xa ía da man de Virxinia cando eran mozos

Guimarei, tamén a un quilómetro do centro urbano, contén elementos singulares que despertaron o interese do caricaturista para representar o mundo foral ou o relixioso que pretendía servir de escenario dalgunha das súas enxeñosas viñetas. A Torre do século XII, co seu peculiar teito de pedra, e a súa figura irregular pola desfeita do tempo e por algún derrube parcial, así como o pazo en ruínas que se atopa á súa beira, este xa do século XVIII, son habituais secundarios das súas estampas (por exemplo, no álbume Nós na de Dous vellos amigos, os foros e as oblatas), aínda que tamén atopamos algunha aguada na que ocupan en solitario todo o pro- tagonismo como naquela que publicou no 1924 co lema as casas dos señores van ás mans dos labradores. E por suposto, outros referentes do patrimonio artístico da parroquia serán retratados como as curiosas escadas da igrexa ou o cruceiro.

E polo camiño da vila, pasando polas outras parroquias limítrofes de Lagartóns e Callobre, máis cruceiros e, sobre todo, a ponte vella sobre o rio Liñares entre as devanditas parroquias. Máis afastado, na parroquia estrema de Oca, o seu impresionante Pazo do cal curiosamente recolle só recantos peculiares, e xa nas aforas da demarcación municipal: o Candán e Acibeiro nos seu lapis e, sobre todo, o Pico Sacro, que ademais de presidir o Val de Ulla noutro dos seus debuxos, resoa no testemuño do escritor Manuel García Barros da viaxe ao seu cumio, no que Castelao, xunto co autor dos Contiños da Terra e o director de El Emigrado aparecen nunha coñecida fotografía de Pedro Brey.

A fotografía do interior deste texto é un retrato de Virxinia e Castelao realizado o día da súa voda, a 19 de outubro de 2012.

Este texto viu a luz no Sermos número 21, publicado a 26 de outubro de 2012

Comentarios