sábado 29/01/22
Unha viaxe á Galiza da Alta Idade Media

Os viquingos no Reino da Galiza

As relacións entre os galegos e os nórdico precisan de novas  liñas de interpretación. Até agora a maior parte das investigacións e publicacións teñen posto o acento nas expedicións de saqueo levadas adiante polas xentes do norte, esquecendo o marco de relacións establecido entre un e outro pobo e mesmo o asentamento, durante períodos máis ou menos longos, dos viquingos na Galiza.
romaria_vikinga_2_1284x642_q75_middle
Romaría viquinga de Catoira. (Foto:Nós Diario).

As primeiras novas sobre a estadía dos viquingos na Galiza poderían remontarse ao século VIII. Segundo o historiador sueco Melvinger, botando man das crónicas árabes, o primeiro contacto teríase producido á volta da década de 790, e máis concretamente en 795, momento en que vascos e vikingos asentados en Gascuña terían apoiado ao rei galego Afonso II a repeler unha expedición árabe diante das nosas costas. Poren o portugués Helio Pires, autor dunha monumental tese de doutoramento sobre a presenza dos pobos nórdicos en Galiza e Portugal, considera esta tese moi débil, mantendo como data da primeira incursión a tradicional de 844.

O século X

A comezos do século X, segundo López Alsina antes do 912 e na opinión Florez antes do 934, está documentada presenza dos viquingos en Tui. Un documento fala dun bispo obrigado abandonar a diocese a consecuencia dos ataques da xente do norte e refuxiarse no mosteiro de Labruxa, no actual concello da Ponte da Lima.

A medias entre  968 e 969, nesta ocasións mandados por Gunderedo, un novo ataque, que mesmo puidera acadar as terras do Cebreiro, remata coa toma de Iria-Compostela, a derrota dos galegos e a morte do bispo Sisnando, aquel xerarca da igrexa enfrontado ao rei Ramiro III e ao seu parente Rosendo, fundador do Mosteiro de Celanova.

Un texto datado arredor de 794, conservado no arquivo da catedral de Ourense, da conta doutro ataque, nesta ocasión contra o mosteiro de San Xoán da Coba, situado na contorna de Ribas do Sil.

A década final do século reserva outras referencias a presenza das xentes do norte no reino de Galiza, sexa no 992, na idea de Paulo Martínez en Santo André de Boimente (Viveiro) e na consideración de López Alsina nas proximidades do Mosteiro de Sobrado, for no 995 en Santalla de Curtis.

O século XI

As referencias á estadía dos viquingos no Reino da Galiza do século XI son abondosas. Outra vez máis Tui foi atacado antes do 1022, sendo destruída a cidade e o seu bispo Afonso capturado o que provocou que a sé pasara a ser administrada primeiro polo bispo de Lugo e a partir de 1024 polo de Iria Compostela, non volvendo haber noticia dun prelado na diocese até 1071.

Segundo un documento citado por Florez en España Sagrada, á volta do 1032 sinalase a participación dunhas tropas mercenarias viquingas a carón do nobre galego Rodrigo Romaniz, no asalto ao Castro Lupario, nas proximidades da cidade Lugo, entón en mans duns colonos ou soldados vascos.

Máis unha vez, a Historia Compostelán achega outra información de interese, neste caso referida a 1066, dando conta da morte do bispo Cresconio e do seu papel na construción de defensas contra os nórdicos na área do Salnés. Xa a finais da centuria, arredor do 1068, outro documento procedente do fondo mosteiro de San Martiño de Xubia, refírese ao saqueo do mosteiro de San Xián do Mondego, no actual concello de Sada, por parte dos viquingos.

A relación entre galegos viquingos vaise manter nos dous séculos posteriores. Neste caso, cun papel moi activo dentro da política interna do reino galego e asociado a nomes tan lendarios como Ulf Galiciefarer ou Galicieulf, “O lobo da Galiza” ou ao propio rei noruegués Sigurdr, enfrontado aos defensores dos dereitos do emperador galego Afonso VII

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Os viquingos no Reino da Galiza
comentarios