Vimianzo, unha revolta que rematou con 12 asasinados

Fai parte do malfadado da historia rebelde da Galiza e por iso non existe. Perdeuse canda as súas irmáns de Quiroga, Monforte de Lemos, Palas de Rei, Ribas de Sil ou A Estrada e con ela a memoria da Galiza viva e insubmisa do sexenio. Traemos ao presente os doce mártires de Baíñas.

"A represión do motín.
Debuxo de Antonio Seixas.
photo_camera "A represión do motín". Debuxo de Antonio Seixas.

O 5 de xullo de 1873 diversos medios de prensa dan conta do asasinato de doce veciños de Vimianzo a mans da Garda Civil. Así, La Esperanza, a máis importante cabeceira católica e monárquica española do século XIX, recolle que “alzáronse varias parroquias para resistirse ao pago, reuníndose uns catrocentos ou cincocentos homes armados que atacaron a garda en Baíñas ao berro de Imos por eles! O oficial comandante viuse na necesidade de mandar abrir fogo para resistir o ataque, resultando 12 mortos e algúns feridos dos paisanos”.

A nova, moi semellante á aparecida noutros xornais como La Regeneración ou El Pensamiento Español, todos eles de orientación reaccionaria e manifestamente opostos ás reivindicacións veciñais, sinalaba que foran desprazados a Vimianzo por orde do gobernador 25 números da Garda Civil ao mando dun oficial para facer efectivo o cobro das contribucións e do imposto persoal que as xentes do concello soneirán negábanse a pagar.

A chispa que prendeu o lume en Vimianzo foi o cobro do imposto persoal, porén as razóns do descontento e da revolta son máis de fondo. A reforma fiscal de Figuerola, primeiro ministro de Facenda do sexenio, non fixo máis que avanzar nas liñas trazadas na lei tributaria de 1845, dirixidas a unificar o mercado estatal, asentar unha especialización económica no marco peninsular, onde Galiza xogaba un papel subalterno,  fortalecer o poder da clase social emerxente e favorecer a penetración do capital europeo.

Así, o imposto persoal, criado para substituír os odiados consumos, non só resolve os problemas que estes viñan xerando senón que aumenta a carga fiscal de Galiza e as arbitrariedades no cobro. A oposición a este tributo acadou un carácter tan masivo, que a totalidade dos representantes galegos nas Cortes chegaron a solicitar en 1872 a supresión do mesmo, responsabilizándoo nas páxinas de El imparcial “das protestas que recorren Galiza enchéndoa de sangue”.

Os sucesos de Vimianzo non se poden desligar da frustración provocada pola actuación gobernativa dos executivos do sexenio nos sectores populares e da axitación do republicanismo federal nos ámbitos rurais. As expectativas abertas co derrocamento de Isabel II, no marco dunha acción combinada entre unha parte do estamento militar e dos sectores civís agrupados arredor das xuntas revolucionarias, fecháronse en seco cos primeiras medidas do gabinete de Serrano e Prim, coherentes coa axenda liberal, mercado, lei e orde.

A presenza de cadros republicanos federais e mesmo internacionalistas na vaga de protestas que vive Galiza no momento é unha constante, sinalándose a importante penetración territorial dos primeiros no conxunto das áreas rurais galegas desde os anos finais do reinado isabelino. Neste sentido non é difícil supoñer a existencia dunha organización republicana federal nas Terras de Soneira, sometidas ao tempo á acción das partidas carlistas que tamén actuaron de xeito intenso na zona.

Non foi un feito illado, explícase pola contra no ciclo de protestas sociais, seguidas moitas veces de masacres que se sucederon na Galiza do sexenio. Só no primeiro quinquenio da década dos setenta, reparando exclusivamente naquelas mobilizacións de máis repercusión ou que remataron en matanzas a mans do exército ou da Garda Civil, debemos facer mención, cando menos, ás revoltas de Monforte de Lemos, Quiroga, Maceda, Palas de Rei, A Estrada, Sarria, Trives ou Santo Amaro.

Unha visión de conxunto das mesmas dános conta das resistencias e do carácter conflitivo da inserción de Galiza no Estado español, construción nos seus aspectos fulcrais dos liberais do século XIX, da situación de emerxencia da nosa sociedade e das dificultades abertas no proceso de articulación do modelo unitario e tamén da vitalidade e do carácter combativo do pobo galego.

Ao tempo, sucesos como os referidos, infórmanos da incidencia das posicións de avance social no rural galego, maiormente desde partes do republicanismo federal pero tamén vinculadas á Internacional, significándose no caso dos primeiros, o rexeitamento ao modelo centralista e uniformizador en marcha.

Comentarios