REPRESIÓN

Villalobos, un verdugo en Monforte

Foi unha peza chave na represión en Monforte de Lemos. Formado politicamente nas filas daquela dereita católica que señoreaba a política castelá dos anos vinte e trinta non tardou en sumarse ao fascio cando viu en risco os seus privilexios. Defendeunos a morte, e así morte a morte fixo unha exitosa carreira na estrutura do réxime franquista.

Alonso-Villalobos Solórzano Juan

Formaba naquela confraría de xente ben que dirixiu e executou a represión en Monforte. Partillaba clase con aquel Andrés Gil Municio polo que aínda preguntan os amigos e familiares do noso Rosendo Vilas, alcalde bo e republicano asasinado e tamén con Fernando Bahamonde Guitián, que acudiu ao cárcere da cidade a sacar a Manolo Abeledo, a Urbano Núñez e a Arximiro Díaz Amor para devolvelos mortos.

Compartía proxecto cos comandantes militares da praza de Monforte Emilio Cortes Reis e Carlos Aranguren Roldán, que expedían autorizacións e outorgaban permisos para que os paramilitares de camisa azul entrasen na cadea en busca de demócratas que executar e desaparecer. Era dos mesmos que o xefe de milicias Carlos Bahamonde Gutián, ou do xefe local Ramón Martínez Losada, que acadaría a xefatura provincial da man de Xosé Viador após conspirar contra a república e tamén de Manuel Garro Quiroga ou dos irmáns Gutiérrez Flores.

Chamábase Xoán Antonio Villalobos Solorzano. Nado en Aguilar de Campó, Palencia, o 28 de febreiro de 1900, cursou estudos de dereito na Universidade de Valladolid, onde tomou contacto con aquel grupo de orientación nazi nucleado arredor de Onésimo Redondo, achegándose posteriormente á CEDA (Confederación Española de Derechas Autónomas) a medida que se desenvolvía como notario por diferentes localidades castelás.

Cando se suma ao fascismo

Á volta de setembro de 1934 toma posesión da súa praza na cidade do Cabe, entrando xa en contacto cos sectores maioritarios da dereita na localidade, neste caso a sección local do Partido Agrario Español dirixida por Gil Municio, sendo activa a súa participación na campaña das eleccións de febreiro de 1936, onde participa en diversos mitins de propaganda do bloque reaccionario. O trunfo electoral da Fronte Popular e o convencemento de que os privilexios das clases dominantes estaban en risco levarano, como a grande maioría do corpo militar agrupada arredor da CEDA, a sumarse ao fascismo, como resposta do capitalismo diante dunha situación de emerxencia.

O seu nome ficará asociado para sempre á represión en Monforte. Escribiu Antón Patiño Regueira na súas Memorias de ferro que Villalobos empregaba as fotos das manifestacións do primeiro de maio na localidade para elaborar as listas negras, riscando e sinalando enriba delas que persoas debían ser perseguidas ou asasinadas.

Anos máis tarde, cando xa abandonara a cidade camiño doutros destinos cos que o premiaría o franquismo, no faiado da súa casa monfortina aparecen as copias desas fotografías confirmando o que era un rumor público entre a veciñanza da Ribeira Sacra.

Isabel Díaz Montaña, filla do funcionario municipal paseado Arximiro Díaz Amor, sempre vinculou a Villalobos coa execución do seu pai, deixando testemuño que se dirixiu ao cárcere a buscar o pai e ao non atopalo o xefe do centro indicoulle que preguntara por el ao notario falanxista, aparecendo ao pouco tempo o cadáver após acudir a súa casa. Abondan estes exemplos para caracterizar unha peza chave do terro branco na Ribeira Sacra.

O franquismo non deixaría sen recompensa os servizos prestados por Villalobos

O franquismo non deixaría sen recompensa os servizos prestados por Villalobos. Aliñado coa facción azul do réxime a través da súa relación de vello con Girón de Velasco e tamén con Pedrosa Latas e con bos contactos coa embaixada alemá nun momento que a guerra lle sorría a Hitler, é nomeado gobernador civil de Xaén o 30 de xullo de 1943 permanecendo na responsabilidade até o 26 de xuño de 1947.

Os seus anos andaluces caracterizáronse por un combate moi duro á oposición armada ao réxime e unha retórica social tan cara dos azuis, non tardando en ocupar un cargo análogo en Valladolid, provincia que o réxime lle tiña reservado aos falanxistas entre 1947 e 1951.

A vida pública de Villalobos remataría coa caída en desgraza da familia falanxista e a suba ao poder dos tecnócratas con motivo da posta en marcha do plano de estabilización. Instalado en León, dedicaríase á notaría até a súa morte o 23 de xullo de 1973, momento en que algúns dos seus fillos xa ocupaban importantes responsabilidades no franquismo que manterían co novo réxime.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios