venres 30/10/20

Vigo lembra Baena e Bravo 45 anos após a “noite máis longa”

“Papá, mamá: executaranme mañá. Quero darvos ánimos. Pensade que eu morro, pero que a vida segue. Recordo que na última visita, papá, dixéchesme que fose valente, como un bo galego. Funo, asegúrocho”. Así se despediu, hai hoxe 45 anos, José Humberto Baena, minutos antes de ser asasinado pola ditadura franquista. 
 
2020092717173831163
Acto en Vigo de lembranza a Humberto Baena, Sánchez Bravo e os demais fusilados o 27 de setembro de 1975 (Imaxe: Nós Diario)

“A noite máis longa”, aquela que inmortalizou o cantautor Luis Eduardo Aute no seu Al Alba, foi tal día como hoxe, un 27 de setembro, pero de 1975. O réxime asasinaba cinco antifranquistas, dous deles galegos, condenados a morte por un consello de guerra sen garantías ningunhas. O ditador Francisco Franco morría así da mesma maneira que comezou, matando.

“Papá, mamá: executaranme mañá. Quero darvos ánimos. Pensade que eu morro, pero que a vida segue. Recordo que na última visita, papá, dixéchesme que fose valente, como un bo galego. Funo, asegúrocho. Cando me fusilen mañá pedirei que non me tapen os ollos, para ver a morte de fronte”.

Con estas palabras despediuse da familia, hai hoxe 45 anos, José Humberto Baena, horas antes de ser asasinado pola ditadura. Ese mesmo día tamén foron fusilados o galego José Luis Sánchez-Bravo, o aragonés Ramón García Sanz, e os vascos Juan Paredes Manot 'Txiki' e Ángel Otaegui.

Sánchez-Bravo, de 23 anos, e Baena, de 25, ambos os dous de Vigo e pertencentes ao FRAP (Frente Revolucionario Antifacista e Patriótico), foron executados no Hoyo de Manzanares, en Madrid. Un escuadrón de policías e gardas civís segaron as súas vidas.

Ese mesmo día o réxime tamén mataba o aragonés Ramón García Sanz, de 27 anos e membro do FRAP, ao tempo que en Cerdanyola del Vallès (Barcelona) fusilaban dous membros de ETA, Juan Paredes Manot 'Txiki', de 21 anos de idade, e Ángel Otaegui, de 33.

Desde hai xa 44 anos (desde 1976) familiares, amizades, camaradas e activistas da memoria histórica lembran estes fusilados aos pés da tumba de José Humberto Baena no cemiterio no civil de Pereiró en Vigo, un espazo historicamente separado do relixioso por un muro, e que hoxe é coñecido como os Xardíns da Memoria Histórica.

O acto, que decorreu na mañá deste domingo 27 de setembro, foi iniciado por unha actuación musical da violinista Laura Quintillán, a quen proseguiu unha intervención de Manuel Reinoso, Laura Pérez Durán, Celso López, Luís Viñas e Asun Vaamonde.

Como cada ano, estivo presente Flor Baena, a irmá de José Humberto. Xunto a activistas da memoria, participaron tamén a deputada do BNG, Carmela González, o portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier Pérez Igrexas e a concelleira da Marea de Vigo, Oriana Méndez.

O profesor e activista da memoria histórica Celso López resaltou tres cuestións relevantes neste ano durante a súa intervención, como é a citación de Martín Villa pola xuíza arxentina que investiga os crimes do franquismo, a sentenza en favor da devolución do Pazo de Meirás ao pobo galego e o anteproxecto da lei de Memoria Democrática, da que López fixo referencia debido ás carencias que hai no texto relacionadas coa impunidade.

comentarios