Vigo

Duras críticas a Caballero por sufragar o Cristo da Guía: "Ten connotacións franquistas"

A Asemblea Republicana de Vigo e os grupos políticos de Marea de Vigo e BNG cuestionan esta obra pública que consideran un "desexo persoal" do alcalde "con intereses electorais".
O presidente da Asemblea Republicana de Vigo, Celso López, deu unha rolda de prensa esta sexta feira acompañado de representantes de BNG e Marea de Vigo. (Foto: Europa Press)
photo_camera O portavoz da Asemblea Republicana de Vigo, Celso López, deu unha rolda de prensa esta sexta feira acompañado de representantes de BNG e Marea de Vigo. (Foto: Europa Press)

A instalación dunha grande estatua dun Cristo do Sagrado Corazón no alto da ermida da Guía (Vigo), con cargo a fondos municipais, desatou as críticas tanto da Asemblea Republicana da cidade como dos grupos políticos de Marea de Vigo e BNG.

Esta sexta feira representantes da Asemblea compareceron ante os medios para denunciar o "desvío" de fondos por parte de administracións públicas como a Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo para sufragar esta actuación, nun inmóbel, a ermida da Guía, que é titularidade da Igrexa, e co pretexto de que a imaxe estaba no proxecto orixinal do arquitecto que deseñou a ermida, Manuel Gómez Román.

Celso López-Pazos, portavoz da Asemblea Republicana de Vigo, cuestionou o argumento de que a obra de Gómez Román estivese inconclusa e lembrou que, malia que é certo que a estatua aparece nos bosquexos do arquitecto, tamén é certo que este "asinou a entrega da obra" e faleceu anos despois sen que se colocase, "e tampouco o reclamou [en vida]".

"Retómano agora un alcalde e unha presidenta da Deputación do PSOE. Non houbo nin durante o franquismo nin no posfranquismo ningún alcalde que o fixese", apuntou López-Pazos, que atribuíu a actuación a un "desexo persoal" de Abel Caballero, "o mesmo" que o levou a manter a Cruz dos Caídos no monte do Castro, porque "é unha máquina rexistradora de votos e busca os votos".

Finalmente, a Asemblea Republicana lamentou que o Concello non teña en conta as "connotacións" da imaxe do Sagrado Corazón, "vinculadas ao golpismo franquista e á ditadura".

Críticas de BNG e Marea

Canda el estiveron o portavoz municipal de Marea de Vigo, Rubén Pérez, e o do BNG vigués, Xabier Pérez Igrexas. O primeiro cualificou de "bochornoso desde o punto de vista da memoria histórica" o papel de Concello e Deputación, e lembrou que durante a posguerra española "a Falanxe promovía peditorios populares para encher España de imaxes do Sagrado Corazón".

Pola súa parte, o nacionalista Pérez Igrexas afirmou que "o que non logrou a ditadura complétao Abel Caballero", construíndo "un skyline reaccionario" na cidade, con esta estatua e coa cruz do Castro. "É intolerábel destinar diñeiro público a isto. Aquí non hai interese público, só afianzar o interese electoral do alcalde nalgúns sectores", concluíu.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios