A vida de Pasín como reflexo da realidade do país

José Luis Estévez rescata nun libro a obra do que fora concelleiro en Compostela.

O xornalista José Luís Estévez e o ex concelleiro Luís Pasín Liñares. (Foto: Editora Avarellos) #alvarellos #franquismo #compostela #luíspasín #pasínliñares #joséluisestévez #historia #memoriaehistoria
photo_camera O xornalista José Luís Estévez e o ex concelleiro Luís Pasín Liñares. (Foto: Editora Avarellos)

O xornalista José Luis Estévez publica coa editorial Alvarellos a historia da vida de Luís Pasín Liñares, "un reflexo do que moitas familias tiveron que vivir durante o franquismo, a transición e a democracia no país", explica o autor en conversa con Nós Diario. Estévez destaca algúns dos moitos feitos que fan da vida do ex concelleiro de Compostela, "unha historia apaixonante que debería chegar a todo o mundo", asevera.

O xornalista José Luis Estévez (Ferrol, 1968) vén de publicar coa Editorial Avarellos un libro sobre a vida do ex concelleiro Luís Pasín Liñares (Santiago, 1934).

Pasín: memoria dunha resistencia relata os "durísimos anos da posguerra, cando a ditadura danou a fondo a familia Pasín Noia, na acción política do protagonista e na transición democrática cando Pasín pasa a integrar o Goberno municipal de Xerardo Estévez", resumen desde a editorial. 
"Esta é unha obra que utiliza a vida de Pasín para ser un reflexo da realidade que moitas familias estaban a vivir naquel momento", explica o xornalista José Luis Estévez, en conversa con Nós Diario.

A idea de realizar este traballo biográfico sobre Pasín xorde a través dun comentario que lle realizan ao xornalista "e que decido realizar polo grande interese que espertou a vida de Luís Pasín Liñares en min", comenta Estévez. 

Máis de 20 horas de conversa

O autor realizou máis de 10 entrevistas de máis de dúas horas cada unha para realizar un achegamento á vida de Pasín desde un punto de vista cronolóxico. "Por sorte el ten moi boa memoria e conseguía recordar moitos detalles da súa vida", sinala Estévez. 

O primeiro recordo da súa infancia e que Pasín comparte con Estévez é "con tan só tres ou catro anos, dándolle a man ao seu pai a través dunha cancela no cárcere localizado no Pazo de Raxoi no que logo o propio Pasín estivo exercendo o seu cargo público", conta o xornalista.

Ao autor sorpréndelle "a dura vida que tivo a familia, represaliada durante o franquismo e que viviu momentos tan duros como a persecución do seu pai, que mesmo estivo en diversos campos de concentración do Estado, e que o propio Pasín tiña que agochar nun burato debaixo da súa cama cando era un cativo e os franquistas viñan á casa da familia tentar detelo".

Da vida do santiagués, Estévez tamén destaca os persoeiros cos que Pasín mantivo relación durante o franquismo. O libro conta cunha galería de imaxes que ilustran "algúns momentos únicos na vida do protagonista e que reflicten unha singular e crónica gráfica da vida de Compostela e da Galiza durante case un século".

Historia digna dun filme de Hollywood

Ademais, Estévez tamén resalta das vivencias que tivo Pasín "a viaxe que fixo a Moscova (Rusia) para saber se existía cura para o cancro que daquela sufría seu pai e polo cal acabou falecendo. Aí non só descobre que non hai tal cura, senón que tamén se decata das partes negativas que tiña o comunismo e sofre unha enfermidade pola cal teñen que operalo alí mesmo. Toda unha historia digna dun filme de Hollywood que demostra que non temos que buscar lonxe do país para poder atopala", narra o autor.

Para o xornalista, "estas historias non deberían de esquecerse" e por iso realizou este libro "coa intención de que chegue a todo tipo de público. Non só á xente que coñeceu a Luís Pasín ou da súa época, senón tamén ás novas xeracións, para que coñezan o que se viviu no país durante a época do franquismo, transición e democracia", indica Estévez. 

Unha nova política local

A respecto da personalidade de Pasín, o xornalista destaca "a capacidade de que, malia que sufrira tanto na súa vida, non gardou rencor e exerceu de funcionario público durante moitos anos na Concellaría de Parques e Xardíns de Santiago. A día de hoxe, moita xente lle segue a agradecer a súa achega durante eses anos, especialmente no seu barrio de Conxo, onde ten o nome dun parque e o seu avó, unha rúa", 
resalta Estévez

"A súa política puña á veciñanza no centro da acción política, algo que sempre tivo moi interiorizado e algo que el mesmo me admitiu de que se está a perder na política actual a nivel xeral", expresa o xornalista en conversa con Nós Diario.

Historia apaixonante 

O xornalista non coñecía Pasín en persoa até que chegou a oferta de realizar este libro, "descubrín  unha persoa cunha historia apaixonante para min, que é tamén reflexo doutra xente que pasou por esa represalia tanto en Santiago como noutros lugares do 
país", expresa. 

O libro, que se presentou no Salón de Actos do Museo do Pobo Galego o 24 de xuño, conta cun limiar realizado polo ex alcalde de Compostela (nos períodos de 1983-1986 e 1987-1998) Xerardo Estévez. Na presentación tamén participaron o actual alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, o historiador e presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi, o editor Henrique Alvarellos, o protagonista do libro e o seu autor. 

Sobre a súa acollida, o xornalista agarda que "chegue a todo mundo, xa que é unha historia apaixonante que acontece no noso país e que demostra que non temos que buscar noutros lugares para atopar feitos duros e conmovedores que merecen ser lembrados", conclúe.

Comentarios