Victoriano Suanzes, o garda civil que martirizou Ferrol

Estamos diante do máximo responsábel do operativo do terror franquista na comarca de Trasancos nos momentos máis duros da represión. Membro dunha significada saga de militares, a súa etapa á fronte da Delegación da Orde Pública coincidiu co momento nos que a execucións paralegais acadaron o seu máximo alcance. Recuperamos a traxectoria de Victoriano Suanzes.

suances
photo_camera Victoriano Suanzes.

Asistimos a un proceso de ocultación do papel da Garda Civil no operativo represivo franquista. A operación contextualízase no proceso de lexitimación do modelo político institucionalizado na constitución de 1978 e tenta camuflar as responsabilidades de institucións centrais durante  a ditadura que seguen a xogar un papel chave no réxime vixente.

A Garda Civil, un corpo chave no xenocidio franquista

A construción do discurso obriga a excluír do relato histórico a executoria da Benemérita no combate á democracia e na persecución a disidencia política e a súa función determinante na organización e funcionamento da maquinaria represiva así como  na imposición do terror. A referida formulación ideolóxica coxea cando analizamos a xeografía do xenocidio en Galiza, atopando á fronte da mesma a  mandos da  Garda Civil como Florentino González Vallés en Lugo, A Coruña ou Donostia, a Xoán Aranguren Ponte n´A Mariña, a Francisco  González “O Rabioso” en Vigo, a Ricardo Macarrón en Pontevedra ou a Xosé Leseduarte en Santiago de Compostela.

Un represor antes de 1936

Victoriano Suanzes Suanzes significouse dese moi novo pola súas convicións reaccionarias. Nado en 1903, nunha familia vinculada de vello a armada, era fillo, neto, sobriño, irmán e curmán de militares,seguindo el mesmo eses estudos, para ser destinado posteriormente a Marrocos, onde combateu a revolta do Rif nas filas do rexemento de León, sendo ferido en diversas ocasións e acadando o grao de capitán. Incorporado á Guarda Civil, serviu en diversos destinos, a comezar pola comandancia de Oviedo e a seguir polo posto de Xuvia, onde destacaría polo súa persecución aos demócratas, particularmente a raíz da revolución de outubro de 1934.

Catrocentas persoas foron executadas extraxudicialmente en Trasancos nos catro meses  de mandato de Suanzes.

Son numerosos as noticias de prensa da época que o vinculan á represión aos militantes de esquerda, marchando como voluntario a Asturias en novembro de 1934, canda outros números da benemérita da comarca ferrolá que se distinguirán en 1936 pola súa brutalidade, para combater e reprimir a revolta. A súas posicións reaccionarias non pasaron desapercibidas para as autoridades da Fronte Popular que remataron por trasladalo fora de Galiza, atopándose destinado  en Barcelona o 18 de xullo de 1936.

Victoriano Suanzes no epicentro da represión en Trasancos

A súa actuación será determinante nos momentos máis duros da represión en Trasancos. Após fuxir da Barcelona democrática vía  Franza volverá a Galiza, non tardando en ser nomeado en agosto de 1936 Delegado da Orde Pública en Ferrol, unha responsabilidade a onde chegaría apoiado pola súa fama de duro, as súas ligazóns familiares e os seus contactos con aqueles mandos da Garda Civil situados nos postos chave da urdime represiva.

Os dados ofrecidos por Eliseo Fernández, o investigador ferrolán que máis se ten ocupado do labor de Victoriano Suanzes, non deixa dúbidas ao demostrar a súa responsabilidade nas execucións parelegais en Ferrol, sinalando que “de 715 asasinados en Ferrol entre 1936 e 1939, mais de 400 persoas executadas extraxudicialmente fórono no período en que a bisbarra estivo baixo o mando de Suanzes”.

Se estas cifras son abondo clarificadoras, tendo en conta que Victoriano Suanzes só estivo ao fronte da Delegación da Orde Pública durante tres meses entre agosto e outubro de 1936, non é menos outra achega de Fernández  en relación coas sacas de presos onde certifica que “24 presos desembarcados do “Plus Ultra” por orde do Delegado de Orden Público Victoriano Suanzes e 7 presos desembarcados por orde Xefe de Policía Xosé María Pagola estaban entre os asasinados con diversos pretextos”.

Un protexido do franquismo

Victoriano Suanzes desenvolvería unha destacada carreira dentro do réxime, morrendo en 1967 como xeneral da Garda Civil. Malia que a  súa saída da Delegación da orde pública de Ferrol en novembro de 1936 significou unha sorte de cese encuberto, provocado polo descontento cos seus excesos por parte de sectores do franquismo e particularmente da igrexa que o culpaba do asasinato do crego  do Val do Xestoso Andrés Ares Díaz, non tardaría en ser recuperado e mesmo ascendido en outubro de 1937 como Delegado provincial da  orde pública e por conseguinte como máximo responsábel do conglomerado represivo na Coruña.

A súa labor e os seus ascensos no corpo militar seguirían ligados á denominada loita contra a insurxencia, até o punto de pasar ser unha autoridade na materia e mesmo dislocarse fora do Estado para a formación de diversos corpos policiais, como aconteceu co peruano, sendo autor dalgunha publicación sobre o tema.

Comentarios