A etapa pontevedresa de Manuel Gómez Cantos

O vicerreinado de 'Papá Manuel'

Os militares que ocupan o cargo de gobernador civil en Pontevedra caracterízanse por desenvolveren un duro labor de represión nos destinos anteriores: Mateo Torres Bestard nas Baleares; Francisco García Alted tivera unha actuación durísima como gobernador de Málaga, onde se “encargou persoalmente de dirixir a represión [...]” e, tal e como recollen os testemuños, “só con oír pronunciar o seu nome produce pánico en toda a provincia”; e o seu antecesor, o comandante da Garda Civil Manuel Gómez Cantos, é o protagonista deste monográfico.
O gobernador civil Mateo Torres Bestard, no centro, nun acto político en Pontevedra. (Foto: Arquivo Xosé Álvarez)
photo_camera O gobernador civil Mateo Torres Bestard, no centro, nun acto político en Pontevedra. (Foto: Arquivo Xosé Álvarez)

Unha das singularidades que presenta a actuación de Manuel Gómez Cantos, que contaba cunha sinistra fama pola súa actuación nas terras estremeñas e andaluzas e que tiña o encargo prioritario de rematar co problema dos “fuxidos”, foi a política seguida neste asunto. Os montes do Xiabre e Lobeira nas terras do Salnés, as montañas próximas a Vigo, Mos e Porriño, o Val Miñor, as comarcas do norte da provincia e outras servían de refuxio a estes perseguidos. Cunha organización incipiente cometían diversas accións, de tipo económico ou de represalia contra colaboradores do fascismo, que preocupaban as autoridades do réxime.

O vicerreinado de Gómez Cantos

Sorprendentemente, o comportamento de Gómez Cantos foi radicalmente diferente da durísima persecución que dirixira anteriormente. A primeira medida foi decretar a posta en liberdade de todos os presos gobernativos, o que significou o regreso aos seus domicilios dun bo número de persoas encarceradas sen ningún tipo de xuízo e unha corrente de simpatía cara a súa persoa.

Mantivo varias reunións con familiares e cos propios escapados, como a realizada o 30 de abril presentándose na zona do Calvario, acompañado dos capitáns do mesmo corpo Bernal e Chacón, mantendo unha entrevista con catro fuxidos; acordou con eles que acudisen o dous de maio a reunirse con el nun lugar de Cabral. Diante da promesa de “cariño e comprensión” para todos os que se presentasen, foron moitos os que o fixeron. Leváronos ao goberno civil para tomarlles a filiación e darlles cea e aloxamento. O gobernador comentoulle aos xornalistas: “Veno vostedes? Como años. Xa son meus e farán todo o que lles mande”. 

O 31 de maio presentáronse novos fuxidos e Gómez Cantos convida os doutras provincias a seguir os mesmos pasos. O 7 de xuño, tras unha entrevista co “gran coco da serra Vicente Guillén” e os seus irmáns, anuncia a terminación completa do problema dos fuxidos na provincia. 

O gobernador, a semellanza do seu protector Queipo de Llano, utiliza os medios de comunicación nunha campaña mediática na que se publican cartas de gabanza e adhesión á súa persoa, algunhas encabezadas con “Querido papá Manuel”. Aínda que foi un número elevado o de presentados, houbo algúns que desconfiaban, non se suman á dinámica proposta polo gobernador e volven ao monte. Un número significativo dos presentados optaron por volver a agocharse cando se decataron de que se repetían as detencións e os xuízos, foi o caso do dirixente comunista Pastor Torres.

Gómez Cantos durante a súa etapa de mando instaura unha sorte de vicerreinado con fortes doses de populismo, arbitrariedade, personalismo e utilización sistemática dos xornais, nos que dispuña de tribuna diaria; a semellanza coa actuación de Queipo era indiscutíbel. Proponse acabar persoalmente cos problemas de abastecemento de alimentos, escaseza de vivenda e paro obreiro; a loita contra a fraude e unha fixación obsesiva contra a “vella política” caracterizaron a súa actuación. Precisamente o seu carácter despótico e o enfrontamento con sectores poderosos e con influencias a alto nivel (Portanet, a patronal viguesa) terminarían por propiciar o seu relevo.
Nada máis chegar, a mediados de abril de 1939, visita a praza de abastos pontevedresa para coñecer o problema das subsistencias e para adoptar as medidas precisas coa finalidade de acabar radicalmente coas prácticas fraudulentas.

Como primeira medida impón 75 pesetas de multa ou 15 días de cárcere a unhas 40 vendedoras que non acataran as ordes dadas sobre venda ao peso e fixación de prezos. Con respecto ao comercio de carne, ameaza con multas de 5.000 pesetas e fechamento de carnizarías. Aproveita para advertir mediante a prensa: “Ah! E moito ollo coa lingua e cos xestos. Sabemos nós e sábeo o Sr. Gómez Cantos, como se fala na praza por carniceiros e pescantinas e como a paciencia e a bondade teñen un límite, pode haber desgustos moi grandes”. 

Se che interesa esta reportaxe, podes ler o texto ao completo mercando o xornal de mañá nos quiosques e librarías ou na nosa tenda online. Para garantir que tes todos os capítulos do novo coleccionábel de Nós Diario, non dubides en subscribirte!

Comentarios