Viador, vida e morte dun verdugo fascista

Hai 80 anos, o 9 de abril de 1940, era axustizado Xosé Viador Traseira, unha das pezas chaves no aparato do terror fascista. A súa morte foi unha das primeiras operacións de castigo contra os represores. 
fascismo
photo_camera Recibimento na Coruña de voluntarios fascistas da Bandeira Lexionaria en novembro de 1936. (Vida Gallega)

José Viador Traseira fixo parte do núcleo impulsor da Falanxe Española na área luguesa. Segundo se recolle nun artigo necrolóxico publicado no xornal El Progreso un día despois da súa morte, "era camisa vella e fundador da antiga FE de las JONS. No aspecto político organizouna na provincia, foi xefe provincial sindical, xefe provincial do movemento, nomeado en marzo de 1936, e desempeñou a xefatura provincial de Milicias ao desempeñarse o glorioso movemento nacional e posteriormente o cargo de inspector provincial de feiras e inspector provincial da Falanxe, nomeado en agosto de 1937".

A súa participación foi moi activa nos actos de violencia política organizados pola Falanxe con anterioridade ao 18 de xullo de 1936 e na preparación do golpe de Estado. Outra vez El Progreso sinalaba que "nos momentos difíciles da Falanxe, sufriu 14 xuízos de faltas por enfrontarse con elementos destacados do marxismo", sendo detido canda outros militantes da formación nun predio das proximidades de Lugo, mentres facía prácticas de tiro. Malia atoparse detido nos días previos ao alzamento fascista, mantivo contactos con Manuel Hedilla, máximo responsábel da FE, desprazado á Galiza para trasladar directrices aos cadros falanxistas sobre o golpe de Estado.

Un duro entre os duros

Viador significouse como un duro entre os duros na trama represiva. Segundo anotou en 20 de agosto de 1936 no seu diario, Xosé Ramón e Fernández Oxea "Ben-Cho-Shey", naquela altura residente en Lugo, "xa principiaron os conflitos entre os fascistas, polo visto domingo 16, houbo trifulca entre os xefes Zaera e Viador, pois este era partidario de matar o tenente coronel Velayos e o capitán Siso "por covardes". Máis adiante afirmou que "o inmoral Viador" tiña da súa parte "todos os criminais sedentos de sangue inocente e, o que resulta aínda máis inconcibíbel, as nenas góticas que presumen de católicas".

O axustizamento de Viador representou o primeiro golpe da guerrilla aos xerarcas fascistas nas terras de Lugo

O nome de Viador ficou asociado a unha chea de episodios de terror ao longo de diversas localidades galegas. Diversas testemuñas ligárono ao asasinato de Manuel Saco Rivera, significado dereitista de Sarria, próximo politicamente ao antigo xefe da Falanxe Española na Galiza, Mario González Zaera, enfrontado a Viador, executado por dous fascistas que facían parte dunha facción rival. Un dos asasinos, Manuel Castro Castro "O Eirexalba", membro destacado da Escuadra Negra de Eirexalba, convencido da protección do réxime e agardando por un indulto preguntouse repetidamente no cárcere de Lugo "Pero non vén Viador de Burgos?".

A lembranza de Viador non se esqueceu en diversas zonas de Asturias que souberon da actuación da Bandeira Lexionaria de Lugo. A Bandeira Lexionaria de Lugo foi un corpo de voluntarios fascistas que tomou parte no combate, persecución e asasinato de demócratas, caracterizándose pola súa crueldade. No marco da mesma, como lembrou El Progreso no momento da súa morte,"organizou varias centurias, mandou as primeiras forzas da Falanxe de Lugo e Ourense que operaron en Asturias, foi o organizador e primeiro mando da Bandeira Lexionaria de Lugo e tomou parte da conquista de varios pobos".

O negocio da morte

A busca do lucro persoal guiou a actuación dos vellos e novos falanxistas, sinaladamente daqueles que conformaron a dirección da organización. Viador aproveitouse das súas responsabilidades na ditadura para enriquecerse e aumentar o seu patrimonio. Así, tal e como sinalou Ana Cabana en La derrota de lo épico, apoderouse "valéndose do medo que infundía e da violencia coa que actuaba" dunha grande propiedade de 691,50 hectáreas de monte comunal na Fraga Vella, pertencente á veciñanza de Mondoñedo, Alfoz e Abadín. Ao tempo, empregou unha parte importante da mesma como man de obra gratuíta e chegou a desafiuzar unha familia que residía nas terras que viña de apropiarse.

O axustizamento de Viador representou o primeiro golpe da guerrilla aos xerarcas fascistas implicados na represión nas terras de Lugo. Ao atardecer do 9 de abril de 1940, mentres facía a súa rolda habitual a cabalo pola finca da Fraga Vella, nun lugar escarpado e montañoso da mesma, coñecido como o Pico da Lebre, pertencente á parroquia mindoniense de Estelo, recibiu varios disparos que lle provocaron a morte. Co fin de evidenciar a natureza política da execución, nunha práctica habitual neste tipo de actuacións, colocaron o seu corpo coa cabeza cara a arriba e deixaron a carón do cadáver o seu reloxo, o diñeiro así como o seu armamento.

A acción foi realizada polo grupo guerrilleiro de Luís Trigo Chao "O Gardarríos" e contou cun grande apoio popular. As autoridades franquistas presentaron, primeiro, a morte como un accidente e posteriormente negaron o seu carácter político, co obxectivo evidente de agochar a existencia dunha resistencia organizada á ditadura. Malia este discurso público, as autoridades franquistas non dubidaron en ningún momento da responsabilidade de Luís Trigo no operativo contra Viador, recoñecendo nos seus informes internos que "se supón que o autor da morte sexa un fuxido chamado Luís Trigo Chao, de 54 anos, extremista perigosísimo".

Unha represión indiscriminada

A morte de José Viador Traseira abriu a porta a un proceso de represión indiscriminada contra os sectores do antifascismo e, por extensión, contra o conxunto da veciñanza das comarcas da Corda, A Mariña e a Terra Cha. O operativo desenvolveuse en tres planos, renunciando ao seu carácter selectivo pola incapacidade de bater contra a resistencia armada e tamén co obxectivo de sementar o terror, golpeando a importante rede de apoio do grupo guerrilleiro dirixido por Luís Trigo.

A resposta non se fixo agardar. Segundo estudou Ana Cabana, "o gobernador militar de Lugo impuxo unha multa de 25.000 pesetas a cada unha das cinco parroquias que tiñan monte comunal na Fraga Vella", por consideralas "interesadas colectivamente na morte do noso camarada". Á referida multa uníuselle a ameaza de proceder á incautación do gando, medida que entenderon as autoridades "para conseguir que os non comprometidos declaren cando saiban en relación co asunto". Finalmente acordouse que o pago da multa fose realizada mediante reparto atendendo ao número de veciñas e veciños de cada unha das parroquias, correspondéndolle 62.676 pesetas ás de Abadín, 42.627 ás de Alfoz e 19.697 pesetas ás de Mondoñedo.

A dureza da represión naqueles momentos mantívose presente até hoxe. Ducias de persoas foron sometidas ás máis crueis torturas no cuartel da Garda Civil de Mondoñedo, laiándose as autoridades do "silencio da poboación destas parroquias e da negativa a inculpar a algúns dos seus membros". Neste contexto, enmarcouse o procesamento, en setembro de 1943, dalgúns veciños da zona acusados da morte de José Viador, entre os que se atoparon Ricardo Fernández Carballal, Antonio Vivero Fernández e José María Eiroa Fernández, o caseiro desafiuzado da Fraga Vella por Viador.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios