Viador, o verdugo que aínda mete medo

Un día como hoxe de 1940 era executado pola guerrilla de Luís Trigo Chao “O Gardarríos”, o falanxista lugués José Viador Traseira. 83 anos despois da súa morte o seu nome segue metendo medo en terras galegas e asturianas.

Milicianos falanxistas da comarca de Sarria. (Foto: Arquivo Nomes e voces)
photo_camera Milicianos falanxistas da comarca de Sarria. (Foto: Arquivo Nomes e voces)

Estaba feito da mesma madeira que Mario González Zaera, xefe da Falanxe galega con quen loitaba desde antes de 18 de xullo de 1936 polo control da organización fascista. Era de idénticos sentimentos aos seus fieis subordinados Manuel Díaz Gómez “O Chaquetón” e Manuel Castro Castro “ O Rei de Eirexalba”, xefes de escuadras negras e sementadores de morte na comarca de Sarria.

Chamábase José Viador Traseira e foi dos primeiros en vestir a camisa azul naquel Lugo de esperanzas republicanas. Xefe da Falanxe desde marzo de 1936, chegou ao cargo após baterse con obreiros e demócratas, pasando polo cárcere en 14 ocasións con anterioridade ao golpe militar.

Sacado da prisión de Lugo para dirixir as milicias da Falanxe Española, significouse como un duro entre os duros na trama represiva fascista. Segundo anotou en 20 de agosto de 1936 no seu diario, Xosé Ramón e Fernández Oxea “Ben-Cho-Shey”, naquela altura residente en Lugo, “o inmoral Viador, quen tiña da súa parte a todos criminais sedentos de sangue inocente e o que resulta aínda máis inconcibíbel as nenas góticas que presumen de católicas”.

Nunca lle tremeu a man para facer mal. O seu nome ficou asociado a unha chea de episodios de terror ao longo de diversas localidade galegas e asturianas. Foi implacábel cos adversarios, os propios e os indiferentes, convertendo o terror no seu particular libro de estilo na política e nos negocios.

As xentes de Viador

Viador aínda mete medo na Mariña, na Corda ou na Terra Cha. E lémbrano con uniforme e correaxe a carón de Divino Folgueiras, o xefe de milicias de Falanxe de Cospeito a facer mal sempre aos seus, de Baltasar Pérez “O Vinculeiro” da Pastoriza a mover os fíos do terror na Corda ou das bestas do Cangrexo a levar a morte dunha punta a outra da Mariña.

O fascista lugués  vive naquela Asturias que soubo da actuación da Bandeira Lexionaria de Lugo, un corpo de voluntarios fascistas que tomou parte no combate, persecución e asasinato de demócratas, caracterizándose pola súa crueldade. Neste sentido, El Progreso no momento da súa morte ,“organizou varias centurias, mandou as primeiras forzas da Falanxe de Lugo e Ourense que operaron en Asturias”.

Foi un máis entre moitos que usou e abusou da súa responsabilidade para facer caixa. Tal é como sinalou Ana Cabana en La derrota de lo épico, apoderouse “valéndose do medo que infundía e da violencia coa que actuaba” dunha grande propiedade de 691,50 hectáreas de monte comunal na Fraga Vella, pertencente á veciñanza de Mondoñedo, Alfoz e Abadín.

O axustizamento

O axustizamento de Viador representou o primeiro golpe da guerrilla aos xerarcas fascistas implicados na represión no norte galego. Ao atardecer de 9 de abril de 1940, mentres facía a súa rolda habitual a cabalo pola finca da Fraga Vella, recibiu varios disparos que lle provocaron a morte. A fin de evidenciar a natureza política da execución, nunha practica habitual neste tipo de actuacións, colocaron o seu corpo coa cabeza cara arriba e deixaron a carón do cadáver o seu reloxo, o diñeiro así como o seu armamento.

A acción foi realizada polo grupo guerrilleiro de Luís Trigo Chao “O Gardarríos” e contou cun grande apoio popular. Neste sentido, a guerrilla de dirección socialista do norte galego abriu un camiño polo que transitou toda a insurxencia para facer xustiza cos verdugos

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios