Vía Galega homenaxea a Revolución Galega de 1846 e os Mártires de Carral

Será o sábado 24 de abril ás 12:00 horas en Carral.

[Imaxe: Pepe do Couto] Placa co nome dos Mártires de Carral
photo_camera Placa co nome dos Mártires de Carral [Foto: Pepe do Couto]

A Plataforma Vía Galega organiza un acto público conmemorativo dos feitos da Revolución Galega de 1846 e en lembranza dos Mártires de Carral. Será o sábado 24 de abril ás 12:00 en Carral contará coa intervención do artista Xurxo Souto.

Mediante esta actividade, Vía Galega quere lembrar “os acontecementos de 1846 coa conformación da Xunta Revolucionaria do Goberno de Galiza e as proclamas de Antolín Faraldo, para loitar contra a posición subordinada á que fora sometido, política e economicamente, o noso país baixo a ditadura do xeneral Narváez.”

 Vía Galega lembra que quen o queira pode ver o vídeo que publicaron en 2019 sobre a Revolución Galega de 1846 en resposta á Xunta Electoral.

O 2  abril de 1846, o comandante Miguel Solís Cuetos alzouse en Lugo á fronte dun movemento político militar que non tardou en estenderse ao conxunto do país e mantivo o control efectivo durante semanas do territorio galego. Así, ao día seguinte, sumouse Santiago, cun papel de relevo da mocidade universitaria e en xornadas sucesivas  Muros, Noia, Pobra do Caramiñal, Ortigueira, Ribeira, Rianxo, Vilagarcía, Cangas, Baiona, Padrón, Caldas, Redondela, A Guarda, Tui, Pontevedra ou Vigo.

O alcance da revolución, moi superior na duración e no apoio social a doutros movementos do período na península, obrigou ao Goberno do Estado a enviar inxentes cantidades de tropas a Galiza. Aínda así, as milicias galegas resistiron os embates do exercito español, sendo necesarios varios enfrontamentos armados, non inclinándose a balanza a prol do Executivo de Madrid até a batalla librada en Cacheiras o 23 de abril, onde os soldados de Solís pouco puideron facer diante da superioridade militar dos batallóns españois de José de la Concha.

Os obxectivos político do movemento  non deixaron lugar a dúbidas. Así, no chamamento da Xunta Superior de Goberno da Galiza, publicado o 17 de abril de 1846, sinalouse que “o pobo conquistará nesta revolución o que lle teñen arrebatado os cómicos dos pronunciamentos: pan e dereitos. Galiza arrastrando até aquí unha existencia oprobiosa, convertida nunha verdadeira colonia da corte, vai a levantarse da súa humillación e abatemento Esta Xunta, amiga sincera do país, consagrarase constantemente a  engrandecer o antigo reino de Galicia, dando proveitosa dirección aos numerosos elementos que atesoura no seu seo, levantando os cimentos dun porvir de gloria.”.

Comentarios