O que fixeron as milicias nas comarcas do Courel, Lemos e Quiroga

'Veña encargarse do seu fillo que llo deixamos aí morto'

A represión que seguiu ao golpe de Estado de xullo de 1936 estivo participado polas milicias de dereitas na súa condición de instrumentos do terror, nun proceso dirixido e coordinado polos militares. Aproveitamos esta segunda entrega sobre os vitimarios nas comarcas do Courel, Lemos e Quiroga para achegarnos á participación na represión das elites locais, fixar a súa conexión cos operativos paramilitares, explicar o proceso de conformación dos destacamentos locais e comarcais de milicias e debuxar a súa participación no operativo paralegal contra a democracia, nun intento de introducir chaves para explicar e debater sobre o proceso represivo lonxe de consideracións morais.
Milicianos de Falanxe en Monforte en agosto de 1936. (Foto: Arquivo da Biblioteca Nacional de España. Fondo Erich Andres)
photo_camera Milicianos de Falanxe en Monforte en agosto de 1936. (Foto: Arquivo da Biblioteca Nacional de España. Fondo Erich Andres)

As elites locais das comarcas do Courel, Lemos e Quiroga participaron na trama golpista contra o réxime republicano, colaboraron da sublevación de xullo de 1936 e comprometéronse coa política represiva do novo réxime. A este proceso sumáronse en defensa dos seus intereses concretos, vinculados a unha determinada concepción da organización do Estado e das relacións de produción, atendendo á vella consideración de Gramsci do fascismo como “movemento social é expresión orgánica da clase propietaria na loita contra as esixencias vitais da clase traballadora”. Nesta orientación, a dinámica represiva e o xenocidio franquista debe ser interpretada como unha expresión da loita de clases por outros medios.

As elites locais no terror

As diversas fraccións do poder económico contribuíron de modo decidido ao derrocamento da orde republicana e a institucionalización da nova legalidade. Así, os grandes propietarios agrícolas da comarca destacaron pola súa loita sen cuartel contra o réxime de 14 de abril e o seu apoio sen concesións ao franquismo, significándose á cabeza dos mesmos Andrés Gil-Municio, máximo dirixente na zona do Partido Agrario Español (PAE), unha formación organizada sobre as antigas clientelas dos partidos dinásticos, con base nos sindicatos católicos, relativa introdución no rural de Monforte e cunha forte presenza na corporación municipal.

Andrés Gil-Municio, un avogado natural de Segovia, titular de grandes extensións de terreo na comarca de Lemos, antigo deputado provincial durante a ditadura de Primo de Rivera e persoa de referencia da dereita na cidade durante a década dos 30 non dubidou en pór a estrutura do PAE ao servizo da conspiración contra a república e da represión.

Neste contexto, un concelleiro da formación en Monforte e futuro alcalde franquista, Julio Pérez Orozco, foi detido en abril de 1936 por facer parte trama golpista na localidade. Uns meses máis tarde, o 21 de xullo de 1936, Municio armou e mobilizou a algúns caseiros e afiliados do Sindicato Agrario de Monforte de Lemos, entidade ligada ao partido, para apoiar a Garda Civil a quebrar a resistencia ao levantamento franquista

A participación na represión dos dirixentes patronais e dos sectores abastados do comercio e da industria é doada seguir. Sen ir máis lonxe, a presidencia da Asociación Patronal da Industria e do Comercio de Monforte de Lemos estivo ocupado durante a práctica totalidade do período republicano por Ramón Martínez Losada, un dos promotores da Falanxe na localidade na segunda metade de 1935 e futuro xefe provincial da organización fascista en Lugo entre 1937 e 1938, momento no que foi apartado do cargo e detido pola suposta complicidade no asasinato en Sarria do político dereitista, Manuel Saco Rivera. Martínez Losada, farmacéutico, candidato conservador bugallalista na Restauración e deputado provincial na ditadura de Primo de Rivera testemuñou contra ducias de veciños da comarca de Lemos nos consellos de guerra, aparecendo vinculado a diversos capítulos do terror paralegal contra dirixentes obreiros.

Armando López Vila ‘O Amarillo’ foi outro exemplo de empresario implicado no terror. Fillo do rico industrial Pío Lopez, continuador dos negocios paternos no sector do metal e da distribución, fundador e primeiro xefe local da Falanxe en Ribas de Sil, alcalde deste concello durante décadas no franquismo e deputado provincial non tremeu na persecución contra os seus veciños.

A este respecto, o derradeiro alcalde republicano de Ribas de Sil, Marcelino Fernández Prada ‘O Poliño’ non dubidou en sinalalo nas súas memorias como un dos responsábeis da súa condena a morte, afirmando que “o peor dos informes –denuncias– e falsidades son os do Amarillo: este individuo non só se conforma con dar malisisimos informes como xefe da Falanxe senón que presenta denuncias e declara cousas horrorosas, todo inventado, todo falso”.

Este é só un estrato dun novo capítulo do coleccionábel 'Os nomes do terror'. Podes ler o texto ao completo no Nós Diario que está nos quiosques e na nosa tenda online para a súa lectura na nube. Decídete xa e resolve a túa subscrición pendente!

Comentarios