Vedra restituirá os concelleiros depostos polo golpe do 36

Tomaran posesión o 16 de marzo de 1936 como concelleiros de Vedra. O 26 de xullo, só catro meses despois, eran destituidos para nomear unha nova corporación da man do rexime ditatorial que iniciaba corenta anos de represión. O pleno do Concello de Vedra aprobou unha moción do BNG para restituír aos concelleiros depostos hai 77 anos. 

Concello de Vedra
photo_camera Concello de Vedra

A moción do BNG aprobada polo pleno do Concello de Vedra recolle a convocatoria dun próximo pleno no que se restituirá simbolicamente aquela corporación que o golpe militar destituiu. Convida a que veciños e veciñas do municipio, en especial familiares dos trece concelleiros asistan á convocatoria do pleno que se presenta como un acto de desagravio institucional con aqueles que foron represaliados por un franquismo que botou abaixo a elección democrática dos representantes municipais. 

O grupo nacionalista do concello entende a súa iniciativa como "un recoñecemento que realizamos dende a corporación democrática do ano 2013, á corporación democrática do ano 1936, trátase en resumo dun acto que humaniza e dignifica o noso traballo, e que en definitiva nos iguala no tempo".

Xustiza histórica

Consideran que se trata dun acto de “xustiza histórica” e solicitan que se instale unha placa na que se recollan os nomes dos que foron concelleiros até que o golpe militar impediu que continuase exercendo as súas funcións. 

Na moción do BNG recóllense as actas de nomeamento e destitución da corporación que inclúen os nomes dos concelleiros depostos e que reproducimos a seguir: 

“No Salón de sesións do concello de Vedra a 16 de Marzo de mil novecentos trinta e seis; sendo as doce horas, reuniuse baixo a presidencia do Sr Delegado do Goberno, sr. Gobernador Civil desta provincia, D. Francisco Prego Campos e en asistencia do Sr. Primeiro tenente de Alcalde D.Angel Rei Caldelas, e dos señores Concelleiros da actual Corporación:
D.José Castro Crespo, D. Juan Gaiteiro Devesa,D. Antonio Nuñez Varela, 
D.Mariano Lema Lobato, D. Jose Mougán Neira, e D. Francisco Picanes Alvela.

Con obxecto de proceder ao nomeamento da nova corporación municipal, dando cumprimento ao indicado polo excelentísimo sr.  Gobernador civil da provincia no seu oficio 307 de data 9 do actual. 

Acto seguido segundo devandito sr Delegado, procedeuse a suspender á totalidade dos Concelleiros que compuñan a actual corporación e a substituír nos devanditos cargos polos señores:
 

D. Celestino Gonzalez Fuentes.
D. Manuel Cebeiro Santo.
D. Andres Bouzon Alvarez.
D. Francisco Moras Valdes.
D. José Collazo Barco.
D. José Abelleiro Alvela.
D. Marcelino Cobas Parada.
D. Angel Rey Caldelas.
D. Juan Gaiteiro Devesa.
D. José castro Crespo.
D. Mariano Lema Lobato.
D. Antonio Nuñez Varela.
D. José Mougan Meira.
D. Francisco Picanes Alvela.”

Acta na que se recolle a destitución  

“Acta de nova constitución da corporación municipal deste concello de Vedra.No salón de reunións do concello de Vedra, a vinte e seis de Xullo de mil novecentos trinta e seis, sendo as doce horas, reuníronse baixo a presidencia do Sr. Comandante Militar do Ulla, D. Jesus Lopez Varela, e con asistencia do Sr. Alcalde D. Angel Rei Caldelas, con obxecto de proceder á nova constitución da corporación municipal.Acto seguido, por o devandito comandante Militar Sr Lopez Varela, procedeuse a suspender á totalidade dos Sres Concelleiros que compuñan a actual corporación,…”

Comentarios