Varias entidades comezan a traballar no centenario do Seminario de Estudos Galegos

A entidade, esencial para o desenvolvemento da cultura galega, fai cen anos en 2023.
Reunión das entidades promotoras, esta segunda feira, na sede do Consello da Cultura. (Foto: CCG)
photo_camera Reunión das entidades promotoras, esta segunda feira, na sede do Consello da Cultura. (Foto: CCG)

O Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu esta segunda feira a primeira reunión de preparación para a celebración do centenario da creación do Seminario de Estudos Galegos (SEG), que se conmemora en 2023.

Na xuntanza, da que participaron diferentes entidades, estiveron presentes Rosario Álvarez e Francisco Díaz-Fierros, por parte do Consello da Cultura Galega; Concha Losada e Justo Beramendi, do Museo do Pobo Galego; Ramón Villares, da Real Academia Galega, e as vicerreitoras de Cultura das tres Universidades: Pilar Murias (USC), Cristina López Villar (UDC) e Susana Reboreda (UVigo).

Tamén asistiron representantes do CSIC, o Instituto Padre Sarmiento e as fundacións Vicente Risco —Celia Pereira e Xosé Díaz—, Filgueira Valverde —Fernando Filgueira—, Losada Diéguez —Patricio Núñez—, Antonio Fraguas —Concha Losada— e Otero Pedraio —Susana Reboreda—. A Xunta estivo representada pola subdirectora xeral, Lourdes Batán.

No encontro desta segunda feira perfiláronse algunhas das actividades que se desenvolverán no ano vindeiro, así como o calendario de próximas reunións encamiñadas a pór en valor esta —case— centenaria entidade.

O Seminario

Un grupo de universitarios, entre os que se destacaban Fermín Bouza Brey (1901-1973) e Xosé Filgueira Valverde (1906-1996), fundaron o que posteriormente se daría a coñecer como Seminario de Estudos Galegos o 12 de outubro de 1923, cando se atopaban realizando unha excursión polas terras da Amahía e visitando o Castro de Ortoño, onde pasou a súa infancia Rosalía de Castro.

O Seminario tivo despois a súa acta constitutiva, redactada na casa santiaguesa do catedrático de Lingua e Literatura da USC Armando Cotarelo Valledor (1879-1950), quen sería o primeiro presidente da entidade entre 1923 e 1928.

O SEG só durou en activo trece anos, mais é unha entidade de esencial importancia na historia da ciencia e da cultura galegas. Chegou a editar 23 publicacións e tivo 215 socios activos e 528 socios protectores entre grandes personalidades e institucións.

Comentarios