O Museo do Pobo Galego repasa a vida do crego das Encrobas

Valcarce, da estirpe de Basilio Álvarez

Hai unha tríade de topónimos que debuxan a xeografía de Moncho Valcarce: As Encrobas, Xove, Baldaio. Conflitos en defensa da terra, loitas polo territorio e, ao cabo, polo reparto da riqueza, forxaron o carácter daquel crego rebelde, nacionalista irredento e carismático organizador de campesiños. A exposición Moncho Valcarce. Unha vida de compromiso con Galiza repasa, no Museo do Pobo Galego, a súa existencia.
 

Moncho Valcarce nun protesto labrego
photo_camera Moncho Valcarce, no centro da imaxe, nun protesto labrego. Foto: cedida.

“Desde os tempos de Basilio Álvarez non había en Galiza un líder agrario desta envergadura”, sinala Xácome Santos, secretario da Irmandade Moncho Valcarce, promotora da mostra. Nado na Coruña en 1935 e morto hai un cuarto de século na mesma cidade, a Valcarce “tocoulle vivir intres determinantes durante a transición española”. Foi cando emerxeu unha figura cuxo estatuto é agora case mítico.

“En todas aquelas pelexas, Moncho estivo ao servizo dos labregos coa súa humildade, lonxe de todo protagonismo, pero tamén con toda firmeza”, explica o museo compostelán nunha nota de prensa. Comprometido co nacionalismo de esquerdas na Asemblea Nacional-Popular Galega (ANPG), o crego de Sésamo estivo na primeira liña tamén no combate contra a cota empresarial ou na chamada folga do leite en 1978.

A súa militancia política e sindical -nas Comisións Labregas- tivo consecuencias. Detido e multado, acantoado pola xerarquía eclesiástica, deixar a loita nunca foi para el unha opción. “A pesar dos intentos de desprestixio de Moncho, non puideron evitar que se se convertera en referente carismático das loitas agrarias do posfranquismo desde unha óptica nacionalista”, afirma o comunicado do Museo do Pobo Galego.

Unha vida de compromiso con Galiza consta de 22 paneis. Xa percorreu numerosos concellos e agora remata na emblemática institución de Compostela, “unha das últimas premiadas pola Irmandade”, lembra Santos, que sintetiza os obxectivos da iniciativa: “Reivindicamos a súa figura para que a mocidade recorde a época e como o nacionalismo liderou as loitas agrarias”.

Para Xácome Santos, con todo, á Moncho Valcarce non se lle fai abondo xustiza. “Por parte das institucións, desde logo que non é recoñecido”, expón, “tampouco por parte do estamento ao que pertenceu, a igrexa. E por parte do nacionalismo, si se reivindica, pero non abondo”. “Tampouco esfamos tan sobrados de figuras do seu nivel. Non a loamos todo o que deberiamos”, conclúe.

Moncho Valcarce. Unha vida de compromiso por Galiza estará aberta ao público no Museo do Pobo Galego entre o 31 de xullo e o 16 de setemebro.

Comentarios