O Val do Límia homenaxea a figura de Benito Valencia Bouza

Descubrirase un monumento na súa honra
Vista do monumento que será descuberto durante a homenaxe (Foto: Nós Diario).
photo_camera Vista do monumento que será descuberto durante a homenaxe (Foto: Nós Diario).

O Comité pola Memoria Histórica do Val da Limia levará a cabo durante a xornada de mañá unha homenaxe a Benito Valencia Bouza, artífice do Sindicato Campesino de Souto e asasinado polos fascistas no ano 1936.

O acto, que leva anunciado publicamente desde principios do pasado mes de abril, desenvolverase finalmente mañá 1 de agosto logo de que desde a organización se fixese un esforzo para adaptarse á nova normativa sanitaria consecuencia da pandemia da Covid-19. "Co tema do confinamento valoramos e agardamos ver como evolucionaban as restricións para determinar se podiamos levalo a cabo ou non, e como vimos que seremos quen de respectar todas as medidas de seguridade e separación interpersoal estabelecidas, seguiremos adiante, porque será nun espazo moi amplo no que se pode gardar ben a distancia de seguridade, o único que eliminaremos será o tema dos petiscos que tiñamos pensados pór", indican a Nós Diario desde a organización.

Logo de que o ano pasado inauguraran un monolito que recorda os 25 executados da comarca do Val do Límia -"que xa son máis, pois descubrimos novos casos", apostilan desde o Comité pola Memoria Histórica-, neste 2020 o programa desta homenaxe ao Sindicato Campesino de Couso e a Benito Valencia Bouza abrirase coa inauguración doutro monumento, elaborado polo mestre canteiro Diego Currás 'O Rixón'.

Será ás 12 horas na ponte do Boado, lugar no que en 1936 asasinaron Benito Valencia e lanzaron o seu corpo ás augas do río. Logo, ás 13.30, terá lugar un xantar de confraternización antifascista en Xinzo de Limia, ao que sucederá o descubrimento dunha placa conmemorativa na casa familiar de Benito Valencia Bouza en Güimil (Moinhos) ás 17.30 horas.

Comentarios