UNHA ESCOLMA DO PAPEL

“Urxe facer unha historia na que Galiza sexa a protagonista”

A clave reside, para Anselmo López Carreira, en construír a historia con Galiza como protagonista. Despois de máis de dúas décadas de investigación na nosa historia con fitos como os seus estudos arredor da Revolución Irmandiña ou o reino medieval de Galiza, achéganos o libro Historia de Galicia (Xerais) un compendio con fins divulgativos no que o relato histórico ten a nación galega como suxeito.

Screen Shot 2017-05-26 at 20.49.34
photo_camera Anselmo López Carreira

-No libro defende a necesidade de contar a historia desde nós. É unha das aportacións da súa Historia de Galicia?

-Unha das receitas para facer unha historia novidosa é aceptar que o suxeito histórico somos nós e que non se pode facer historia de Galiza observando desde fóra porque se van aplicar uns esquemas, unha periodización que non cadra. Por exemplo, a quen se lle ocorra copiar o paradigma da Guerra Civil vaise atopar que aquí non se deron tres anos de guerra, é dicir, ese acontecemento histórico opera doutra forma. Máis aló do Antigo Réxime, Galiza foi protagonista da súa propia historia. O concepto de Reconquista ou repoboación na Galiza non existen. En España a romanización comeza no século tres antes de Cristo mais en Galiza o imperio non entra até o ano cero. Este é o punto clave, sermos quen de facer unha historia na que Galiza sexa protagonista.

-Desde cando Galiza conta con elementos para ser definida como nación?

-A nación é a entidade histórica por excelencia. É a entidade social protagonista da historia porque é unha creación histórica, non política. Non se crea por unha decisión tomada nun momento. A nación resulta dun pouso, dunha serie de elementos que foron entrando en dialéctica ao longo dos séculos. Os elementos propios, diferenciadores, existen e a nación foise construíndo desde tempo inmemorial. A nación galega é moi antiga, como se ve no propio nome do país.

Así como a nación se constrúe na historia, tamén a súa negación. As nacións néganse cando se constitúen os Estados nación contemporáneos. Cando España se quere presentar como Estado nación ten que negar aquelas nacións que están dentro do Estado e non son as dominantes. De aí que sexa modernamente cando aparece o nacionalismo, porque antes a nación existe e non é negada. O que se lle nega a Galiza desde o inicio da Idade Moderna son as posibilidades de dirixir o seu propio destino, cando se instaura a monarquía autoritaria. A aristocracia propia desaparece e a que queda intégrase no poder dos Habsburgo, queda unha fidalguía mais intermediaria e hai unha alta igrexa que está dirixida politicamente desde España. Tampouco a burguesía asume o proxecto nacional. En Galiza dáse un proceso continuado de que aqueles que teñen que dirixir o país ou non poden ou renuncian, co cal a constitución nacional é imperfecta, non porque careza de elementos que a configuran senón porque non somos quen de poñer en pé un movemento político reivindicativo. Só co Partido Galeguista en 1931 aparece por vez primeira unha forza política cun proxecto verdadeiramente nacional.

"En España a romanización comeza no século tres antes de Cristo, mais en Galiza o imperio non entra até o ano cero"

Que papel xogaron os estudos históricos nesa reivindicación?

O Estado, tal e como o entendemos hoxe, nace na Revolución Francesa. A súa constitución en Estado nación é contemporánea. Para buscar fundamentos ao Estado nación hai que ir á historia e, por iso, nace ao longo do século XIX como currículo, como programa. O que hai que facer constar no feito galego é que a historiografía nace cando ten que nacer, sen retraso. Murguía, Vicetto ou López Ferreiro son contemporáneos dos creadores das historias doutros países. Reivindicar a historia de Galiza significa reivindicar o suxeito que é a nación.

-Chama a atención a relevancia que lle dá a López Ferreiro.

-Doulle importancia porque cultiva unha historia moi científica, de documentos e interésame especialmente porque demostra que a ideoloxía non impide facer unha historia científica.

-Ese cientifismo é necesario diante de acusacións de invención da historia cando se lle dá protagonismo a Galiza?

-A un historiador que quere demostrar a historicidade de España o Reino Suevo distorsiónalle o esquema. Que fai con el? Déixao de lado, esquéceo. Mesmo as escolas contemporáneas de historiadores de España traballan desde o castelanismo da xeración do 98, de Menéndez Pidal. Interesan os comuneiros e por iso a bandeira da República leva a cor mourada, do pendón de Castela, mais os Irmandiños non teñen, ao seu ver, relevancia e non porque non estiveran estudados. E non digamos a existencia dun reino medieval de Galiza, que tira por terra a Reconquista. A historia pode ser científica mais pode falsear. A nosa, négase desde España.

"A un historiador que quere demostrar a historicidade de España o Reino Suevo distorsiónalle o esquema. Que fai con el? Déixao de lado, esquéceo"

-Nesa periodización propia, vostede é pioneiro na reivindicación do Reino de Galiza, que sorprende que se faga no fin do século XX.

-Cando se presentaba viamos sorpresa na xente. Hoxe está máis asimilado, mais non no mundo académico que é moi resistente e reproduce os esquemas de sempre. É moi recente porque a historiografía galega vai a tombos. Faise e logo desaparece, en función da propia evolución política do proceso nacional galego. Dicía que a historiografía galega chegou puntual, cun Vicetto, un Murguía ou un López Ferreiro e podiamos pensar que a partir de aí se produciría unha expansión mais non foi así. Chegamos a fin de século XIX cunha enorme crise política e a historiografía desaparece para regresar coa Xeración Nós, que se tronza co golpe militar. Murguía e Vicetto xa falan do Reino de Galiza, o que acontece é que non se logrou impoñer nos medios de publicitación que son os académicos e escolares.

-A intención da defensa do Reino de Galiza residía tamén en descubrir a negación da nosa historia?

-Mostraba outro mapa de Galiza, moito máis amplo. A Gallaecia creada polos romanos que se mantén na Idade Media e a partir do século XII se divide. Durante máis de mil anos, existe Gallaecia como provincia romana e logo Reino que a historiografía española transforma en Reino de Asturias e León. Tratábase de mostrar que Galiza existe na historia, reivindicar a nosa propia historia. Os medios académicos non o tomaron en consideración.

-A historiografía española fracasou no seu intento de negar a nación?

-Sempre emprego a frase de Castelao de que son uns imperialistas fracasados. A imposición da historia desde fóra é un elemento disolvente da nosa conciencia nacional e, ao contrario, o seu coñecemento resulta un reforzo. O que é evidente é que a realidade nacional de Galiza non se anulou. Porén, está agora atravesando un momento clave. As nacións nacen e morren mais son moi resistentes mentres que un Estado pódese crear e destruír nun instante. Galiza está a pasar unha grave crise que pon en perigo a súa supervivencia nacional. A agresión económica, a ofensiva estatalizadora española, a situación do idioma coa transmisión xeracional rota... debuxan o peor momento da súa historia.

Esta entrevista apareceu publicada no Sermos74, que viu a luz a 21 de novembro de 2013

Comentarios