Unha xornada para a memoria

A lembranza de Alexandre Bóveda na Caeira, onde foi asasinado, é o epicentro dunha rede de actos que espallan a vontade de recuperaren a memoria histórica por todo o país, neste Día da Galiza Mártir.
Alexandre Bóveda
photo_camera Alexandre Bóveda

Foi un 17 de agosto hai 76 anos cando morría abatido a tiros no monte poiés da Caeira Alexandre Bóveda. Tiña só 33 anos, e deixaba unha viúva e cinco fillos. Participara activamente na redacción do Estatuto de Autonomía, e na campaña electoral do 36, á que se presentou como candidato da Fronte Popular por Ourense. Na súa memoria, a Fundación que leva o seu nome organiza unha xornada dedicada á memoria d@s que loitaron por Galiza, que se espalla desde a Caeira a todo o país.

Neste monte testemuño da barbarie terá lugar ás 13.00 a homenaxe do Concello de Poio, coa presenza de Amalia Bóveda e vari@s representantes dos concellos vinculados a el. Despois, nun xantar no Pazo da Cultura de Pontevedra, a Fundación entregaralles o VII Premio Día da Galiza Mártir á Recuperación da Memoria Histórica a Mini e Mero. Ás 18.30 honrarase a Bóveda diante do seu sartego, no cemiterio de Santo Amaro, e o acto político terá lugar ás 20.30 na Praza de Curros Enríquez. Asemade, no centro social A Revira, tamén en Pontevedra, o historiador Xosé Álvarez falará sobre a represión na comarca de Pontevedra, ás sete, e haberá un concerto de Leo i Arremecághona!!!

Ao longo do 17 de agosto teñen lugar o groso dos actos: xa pola mañá, Compostela lembra o seu alcalde republicano, o editor Ánxel Casal, que foi paseado en Cacheiras, despois de loitar polo Estatuto. O BNG faille unha homenaxe ás 12.30, no número 15 da Rúa do Vilar, onde tiña a súa imprenta a Editorial Nós, e hoxe está o café Airas Nunes.

Antolín Faraldo será outra das figuras lembradas neste día, no seu Betanzos natal: o BNG e Galiza Nova farán, ás oito da tarde, unha ofrenda floral no busto do escritor, no Paseo que leva o seu nome. Xornalista n'O recreo compostelano, fundou El Porvenir, onde expoñía o seu ideario liberal e provincialista. Redactou o programa de constitución da Xunta Provisional de Goberno de Galicia, co que participou na Revolución de 1846, e foi recollido por Manuel Murguía como “o primeiro e mellor” dos precursores do Rexurdimento.

Por outra banda, a Comisión pola Memoria Histórica da Coruña colocará no cemiterio de San Pedro de Grandal (Vilarmaior), un laudo en lembranza das persoas fusiladas e soterradas alí, ás 18.00. Despois das escavacións realizadas en outubro do 2011 e de probas de ADN, deuse con Joaquín Rodríguez Rodríguez, e agárdase que aparezan José Rodríguez Brage e Manuel Varela González.

Tamén Cervo, na Mariña,fará lembranza d@s veciñ@s que foron represaliad@s: na praza do lugar de San Cibrao descubrirase unha placa ás 20.00, e terá lugar unha mesa redonda.

A Ulloa tamén lembra as vítimas da represión, mais o día seguinte: o sábado 18, ADEGA e a asociación cultural O Galo convocan o roteiro da memoria: o acto comeza ás 10.30 en Sá (Palas de Rei), no lugar onde apareceron os corpos de Sixto Aguirre e Camilo Díaz Baliño. A ruta segue en Toques, onde se fará unha homenaxe a Ramón Rodríguez Varela (O Curuxás), Marcial Villamor Varela e o ferroviario Delfino Liñeira Fraga (Ferroviario). A seguir terá lugar un xantar de confraternidade na Eira da Xoana, e xa ás cinco inaugurarase un monólito.

Non perdas o especial sobre Alexandre Bóveda deste número 11 de Sermos Galiza.

Comentarios