Un escravo negro en Lugo, por Xoán Costa

barco negreiro
photo_camera (Exvoto do barco negreiro Le Saphir )

Aínda que nos poida parecer estraño, a Galiza da Idade Moderna e Contemporánea  non ficou á marxe do comercio escravista. É coñecido, embora non se fale moito diso, que algunhas fortunas que se agocharon por tras das vidreiras modernistas da cidade herculina se forxaron ao abeiro da trata de negros e de negras.

A compra de escravas ou escravos para servizo privado foi algo bastante frecuente, desde o bispo de Tui, que en 1640 deixa en testamento á súa criada unha escrava negra, ao Xustiza maior de Pontevedra ou familiares da Inquisición en Vigo. Destes, e de moitos outros casos, dános conta Pérez Costanti na súa  Historia de Galicia. Notas viejas galicianas

Tamén sabemos da existencia de escravos, durante os séculos XVI e XVII, entre as principais casas da nobreza galega, aínda que  a súa preferencia parece tirar máis cara ao mundo musulmán, norte de África e Turquía, e menos cara aos negros africanos.

Xa no século XIX, especialmente entre 1816 e 1820, esa compra e venda que a pequena escala mantiña a aristocracia galega pasou a ser comercio a grande escala, organizándose na Coruña varias expedicións negreiras a África.

Luis Alonso Álvarez (Comercio colonial y crisis del Antiguo Régimen en Galicia (1778-1818), dános comprida información sobre a propriedade de varios navíos negreiros, así como sobre os contratos de tripulación, os soldos e as condicións da tripulación.

Tamén nos informa dos principais traficantes:  Juan Francisco Barrié D´Abadie, un gascón establecido na Coruña desde 1792, que chega a realizar 13 expedicións e, con moitas menos, entre 3 e 4, outros como Marcial del Adalid ou Salvador Rivera e Hijo. Todos traballaban con barcos deseñados especialmente para a trata, sendo un dos máis caros e dos de maior tonelaxe, o denominado El mulato herculino, construído en asteleiros de Nantes.

Algo menos frecuente, e tamén máis á marxe das fórmulas dos grandes mercados de compra e venda, foi a compra institucional de escravos, mais tamén houbo, especialmente por  parte dos Concellos. O de Santiago dispuña, no século XVIII dun escravo moreno en funcións de clarín e o concello de Ourense tiña, coas mesmas funcións un escravo negro en 1718.

Segundo podemos ler no traballo El esclavo negro de la ciudad de Lugo, de F. Xabier Louzao, Lugo non ficou á marxe. En 30 de maio de 1708 o consistorio destina unha partida de 12 dobróns para a compra como escravo dun negro que fará funcións de clarín, isto é, de pregoeiro, funcións que compatibilizaba con outras tarefas como a limpeza de fontes, e polos que percebía un salario a maiores. Chámase Manuel Sosa – máis que posíbel castelanización do apelido Sousa pois sabemos que procedía de Portugal. Ao ser propiedade municipal o Concello estaba obrigado a alimentalo, vestilo e darlle aloxamento.

Pero sobre todo tiña a obriga de favorecer, como fillo de Deus,  a súa salvación eterna. Que cousas!!

Non sabemos se o Concello cumpriu con esa obriga, en todo o caso non verificábel. Si sabemos que   nos primeiros meses de 1716 acorda que se lle pague a Isabel Francisca “la morena de esta ciudad”, viúva de Manuel Sosa, a cantidade que até o derradeiro día da semana en que morreu quedou por pagar ao arrendatario da casa.

Comentarios