Tui conmemora o 25 aniversario do monumento á memoria das persoas represaliadas

Ao acto asistiu numeroso público procedente de todos os currunchos da Galiza. 
O acto tivo lugar a carón do monumenrto inaugurado hai 25 anos. (Foto: Santiago Baz).
photo_camera O acto tivo lugar a carón do monumenrto inaugurado hai 25 anos. (Foto: Santiago Baz).

A Alameda de Tui acolleu no serán de onte a conmemoración dos 25 anos da inauguración do monumento en Tui en honra das vítimas da represión producida logo do estoupido da guerra civil española, un monumento que se ergueu en 1999 a proposta da asociación de cidadáns denominada Comisión Pola verdade do 36.  

A este acto homenaxe asistiu numeroso público de distintos lugares de Galiza, especialmente da zona do Baixo Miño, entre os que se encontraban moitos e moitas familiares de persoas represaliadas, representantes dos concellos da contorna e asociacións memorialísticas.

O acto, presentado por Ramón Fernández Leal e  Sabela Treinta, comezou coa intervención do escultor Silverio Rivas, quen explicou como ideou a súa obra escultórica a partir das “historias que ouvira” moi novo no obradoiro de costura da súa nai sobre as vítimas da represión paseadas en Ponteareas.

A continuación falou o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, quen lembrou a “importancia e necesidade de facer actos coma este”, e como ten o proxecto de sinalizar no concello de Tui varios Lugares da Memoria, un deles a propia Alameda, por ser un lugar de fusilamento de moitas persoas fieis á República de toda a contorna.

Neste acto tamén interviron co recitado dos seus textos Cristal Méndez, que lembrou as mulleres rapadas; Cecilia Rimbaud;  Marga do Val, que recordou a moitas das mulleres vítimas familiares; María Reimóndez; Pepe Cáccamo; e Francisco Álvarez Koki. Tamén se leu un texto enviado por J. Viale Moutinho, que non puido asistir, no que explicou as súas “fondas relacións coa Galiza e cos seus escritores”.

A maiores, Samuel Diz interpretou, cunha guitarra semellante á que utilizou Federico García Lorca, varias pezas de músicos exiliados que mantiveron viva  a súa actividade artística alén do país, para, despois, lembrar como en Tui “os fascistas requisaron o piano a unha muller familiar de Ulpiano Piña,  farmaceutico represaliado”.

O acto finalizou coa intervención de Helena Pousa, presidenta da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña, quen manifestou que tentarán “seguir traballando con determinación e constancia investigando, divulgando e facendo máis homenaxes ás vítimas da guerra, do franquismo e da transición”.

Finalmente, unha ofrenda floral ao pé do monumento na que  participaron moitos familiares de vítimas mortais nos diferentes concellos que compoñen o Partido Xudicial de Tui e a interpretación do himno galego a cargo de Nadia Vázquez Martínez puxeron fin a esta homenaxe.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios