Tributo ao legado de Lois Obelleiro no seu décimo cabodano

O multiusos de Arcade -concello de Soutomaior- acolle este sábado 24 de febreiro (20 h) un acto en homenaxe á memoria do historiador e dirixente do BNG Lois Obelleiro, no seu décimo cabodano.

Lois
photo_camera Lois Obelleiro

Unha década após o seu falecimento -a súa morte aos 55 anos produciu unha enorme consternación- a figura de Lois Obelleiro continúa a ser unha poderosa referencia no mundo do nacionalismo galego, símbolo de coñecimento da historia do país e de paixón pola causa da súa liberación nacional e social. Ao longo destes anos, e como proba da vixencia do seu legado, Obelleiro recebeu múltiples tributos, entre eles o de dar nome a unhas xornadas que organiza a Fundación Terra e Tempo arredor da historia, o pensamento e a cultura do país.

Este sábado, e co motivo do seu décimo cabodano, o BNG convoca un acto en que, para alén de valorizar o significado político e humano da súa figura, se apresentará o libro Lois Obelleiro: compromiso e loita. No evento tomarán a palabra Manu Lourenzo, portavoz do Bloque en Soutomaior; María Obelleiro, en representación da familia; Roberto Vilameá, presidente da Fundación Terra e Tempo, editora do volume; e Ana Pontón, portavoz nacional do BNG.

Non só haberá discursos, tamén haberá espazo para a música, unha das paixóns de Obelleiro, a cargo de Demetrio Jorge e Lorena Reinaldo, Mini e Navia Rivas e Quico Obelleiro.

Nota de corrección: na versión inicial desta información aparecía erroneamente que as Xornadas Lois Obelleiro as organiza a UPG cando en realidade quen as promove é a Fundación Terra e Tempo.

Comentarios