As torres de Caldaloba e Taboi, na Terra Chá, en risco de derruba inmediata

Son dous dos elementos máis significativos e relevantes do patrimonio da Terra Chá e, porén, corren risco de derruba inmediata.

Torre de Taboi

Tanto é así que a rede do patrimonio galego sitúa na súa lista vermella estas dúas fortalezas da Idade Media, canda outros catro castelos e torres da provincia de Lugo como os de Tores e Doncos nas Nogais, Dumia en Cervantes ou Ombreiro en Lugo. A pesar das iniciativas e denuncias levadas a cabo nos últimos anos para a recuperación de Caldaloba e Taboi, da súa consideración no primeiro caso como ben de interese cultural e monumento nacional desde 1949, e no segundo como obxecto catalogado, a administración de xeito reiterado négase a acometer as obras de conservación argumentando que se trata de bens de titularidade privada. Aínda así, como lembran desde as asociacións en defensa do patrimonio, as administracións local e autonómica incumpren a lexislación ao non obrigar os seus propietarios a manteren os seus ben en condicións de ornato e hixiene; na eventualidade de estes non atenderen os deberes, a protección debería correr a cargo do goberno galego de xeito subsidiario.

A Torre de Caldaloba é o último resto dunha fortaleza da baixa Idade Media situada na parroquia de San Martiño de Pino, no Concello de Cospeito, derrubada polas tropas castelás de Fernando de Acuña por volta de 1484 e do que hoxe só se conserva unha planta cuadrangular  de dez metros de lado, máis de trinta metros de altura e uns muros de perto de tres metros de grosor. No seu momento, segundo sinalou o erudito coruñés Anxo del Castillo, constaba de catro andares edificados en mampostería de xisto e granito, rematado por unha bóveda de canón percorrida por arcos fachóns, posuíndo un sistema defensivo de foxos e contra foxos, que -en palabras do seu estudoso Xavier Moure- acadaba no seu punto máis alto dez metros de diferenza. Foi precisamente Moure, destacado activista e coñecedor do patrimonio lucense, canda o veciño de San Martiño de Pino Óscar Rego, os últimos en poñeren a voz de alarma sobre o destino que lle agarda á Torre de Caldaloba no caso de que non se actúe con urxencia sobre ela, a lembraren que a última actuación de conservación se executou vai para vinte anos, após unha campaña de axitación social desenvolvida polas “Brigadas en defensa do patrimonio chairego”.

Caldaloba e Taboi fan parte da lista vermella da rede galega do patrimonio canda outros catro castelos e torres da provincia de Lugo como os de Tores e Doncos nas Nogais, Dumia en Cervantes ou Ombreiro en Lugo

A Torre de Taboi, situada na parroquia de Taboi, Concello de Outeiro de Rei, edificada tamén na baixa Idade Media, foi fundada por unha das xineas de máis relevo dese período, os Saavedra, facendo parte o predio da orixe familiar dos Aguiar, Rivadeneira e Bolaño. Segundo unha descrición da fortaleza elaborada en 1585, con motivo dunhas obras de reconstrución, a mesma contaba con foxos, torres, recintos e ponte levadiza. A día hoxe da vella construción só fica unha parte da torre da homenaxe, formada por un planta cuadrangular de grosos muros que acadan uns quince metros de altura e que, segundo as pegadas que fican na edificación, conformaron no seu momento un soto e tres andares. A un terzo de altura, hai un porta de acceso que se debía corresponder coa ponte levadiza, atópanse no seu parámetro máis alto unha pequena xanela con lintel triangular de granito, encontrándose os seus antigos escudos de armas un no Museo Provincial de Lugo e o outro na Casa Torre do Lugar. A edificación presenta grandes fendas na súa fachada sur, esta cuberta de maleza e mostra un grande boquete nunha das súas paredes.

As torres de Caldaloba e Taboi están intimamente vinculadas á figura de Pedro Pardo de Cela e de xeito máis concreto á resistencia galega contra os exércitos dos Reis Católicos

Unha e outro edificación, a marxe do súa importancia patrimonial, signifícanse polo seu valor histórico, sendo que están intimamente vinculadas á figura de Pedro Pardo de Cela e, de xeito máis concreto, á resistencia galega contra os exércitos dos Reis Católicos. Así en Caldaloba, após o asasinato do Mariscal Pardo de Cela en Mondoñedo, refúxianse e continúan o seu xenro Fernán Ares de Saavedra e a súa filla Constanza de Castro, que resistirán ao cerco das tropas casteláns, comandadas por Diego López de Haro, ao longo dun ano, morrendo finalmente no asedio a propia Constanza de Castro a consecuencia de consumir auga contaminada, sendo ferido por pedra de trabuco Fernán Ares de Saavedra. Pola súa banda, Taboi, o predio dos Saavedra e o solar natal do seu xenro Pedro de Bolaño, gardou ao longo de séculos a famosa Relazón da carta executoria, un texto escrito en galego arredor de 1515 por un membro da familia, no que se dá conta das razóns e dos feitos que concorreron na morte de Pardo de Cela e que segue a ser unha fonte chave para o estudo do período.

Comentarios