ELISEO FERNÁNDEZ, HISTORIADOR

“O tema da espionaxe en Galiza non está demasiado investigado”

Eliseo Fernández (Ferrol, 1967), historiador que ten investigado a Guerra Civil e a II Guerra Mundial en Galiza, fálanos do contexto que explica estes documentos do MI6 sobre o nacionalismo galego que el mesmo deu a coñecer a través de Sermos Galiza

Eliseo Fernández.
photo_camera Eliseo Fernández, nunha palestra en Vigo

- É este o primeiro documento que se coñece da espionaxe sobre o nacionalismo galego?
- Non sei se hai máis, pero é o primeiro que se ten publicado, aínda que xa desde antes había documentos dese estilo, pois no contexto da II Guerra Mundial hai un traballo de espionaxe e contraespionaxe relacionado co tema do wolframio en Galiza e Portugal, e ao mesmo tempo politico arredor da oposición a Franco, como apoio aos aliados e logo tamén pola parte soviética, co traballo que facía o Partido Comunista. 

- No nacionalismo o tema da CIA é case un mito. Falouse moito, novelouse incluso, pero que probas hai?
- Realmente o tema da espionaxe en Galiza non está demasiado investigado, porque os arquivos -tanto británicos como americanos- tenden a desclasificarse con bastante rapidez, sobre todo en temas que a eles lles afectan moi pouco, como o tema de Galiza. Entón eu creo que é posible que haxa máis documentación, o que pasa é que require a viaxe a Londres ou a Estados Unidos. 

Eles estaban traballando coas forzas políticas que había na Galiza para preparar o terreo por se había algún cambio e por se eles quixeran impulsar ese cambio.

- A relación de colaboración do exilio vasco cos americanos é coñecida, pero no caso do nacionalismo catalán e galego, houbo algunha estratexia neste sentido?
- O que había era no galeguismo de interior, con Piñeiro á fronte, polo menos contacto aínda que eu creo que tamén colaboración. Os consulados británicos deron apoio á parte da oposición ao franquismo que estaba máis ao seu lado, que era o Partido Galeguista de Piñeiro, os socialistas e a CNT. Entón si que aí pode haber información sobre iso. Pero xa despois no contexto internacional está menos documentado porque seguramente tamén o PG no exterior tiña menos relación cos aliados. 

- Ademais da información colleitada, coñécese algunha inxerencia dos servicios secretos nestes anos en Galiza?
Eles traballaban en base aos intereses. Os ingleses apoiábanse na oposición antifranquista para conseguir información sobre o tema do wolframio e sobre os nazis. E unha vez que se empeza a debuxar o tema da Guerra Fría, cos americanos e cos ingleses por un lado e cos soviéticos polo outro, empezan outro tipo de contactos que teñen que ver con todos os movementos con respecto á posibilidade de que houbese unha restauración republicana ou mesmo monárquica derrocando Franco logo da IIGM. Eles estaban traballando coas forzas políticas que había na Galiza para preparar o terreo por se había algún cambio e por se eles quixeran impulsar ese cambio. 

A finais da IIGM probablemente tivesen medo de que o Partido Galeguista se achegase ás posicións da Unión Soviética e podía haber un certo interese en atraelos e ter un control para ver que pasaba con esa loita de tendencias.

- Esta información era proporcionada fundamentalmente por socialistas e CNT, non?
- Dáme a impresión de que todo o que era a colonia inglesa na Galiza, todos os que estaban na minaría como Alfred Burne, ou Estanislao Durán, das liñas trasatlánticas inglesas, consulados, etc. e toda a xente que viña aquí facer negocios, ao mesmo tempo informaban os seus gobernos sobre cousas moi diversas. E logo habería xente que facía espionaxe de verdade, pero non hai moita información. Tanto uns coma outros utilizaban xente de partidos e sindicatos para conseguir información. 

- Vese no informe que tiñan moi controlado Castelao. Tiñan verdadeiro interese no nacionalismo galego ou era un control suave para controlar o que estaba a pasar?
- Eles querían controlar as posibilidades de que houbese un cambio e para iso precisaban ter a máxima información posible de cada partido, de que pé coxeaban, cara onde ían, etc. A finais da IIGM probablemente tivesen medo de que o Partido Galeguista se achegase ás posicións da Unión Soviética e podía haber un certo interese en atraelos e ter un control para ver que pasaba con esa loita de tendencias. Ao final, o que pasou en todos os partidos e organizacións é que había moita diferenzaentre as organizacións do interior e as do exilio. 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios