Tapan co escudo fascista do aguiuncho un monolito dedicado a represaliad@s do Morrazo

A pintada que apareceu no monumento erguido en abril de 2012 en Cruz da Maceira, en Marín, cubre por completo o poema de Celso Emilio que fora escrito na pedra.

escudo
photo_camera [Memoria Histórica Marín]


O monolito inaugurado en abril de 2012 no lugar de Cruz da Maceira, en Marín, en homenaxe ás persoas represaliadas durante e após o levantamento fascista do 36 amenceu cunha pintada fascista que recobre o poema de Celso Emilio que fora escrito na rocha. 

Pode o corpo ser vencido/pode o dereito ser torto/ mais o lume que alampea/mais o lume que alampea/xamais o veredes morto. Son os versos do poeta de Celanova escollidos pola asociación Memoria Histórica de Marín para recordar a aquel@s que a represión fascista levou até a morte. Porén, descoñecidos colocaron por riba do gravado e con pintura negra o escudo fascista do aguiuncho, tornando ilexíbel a inscrición. 

Os colectivos que traballan a prol da recuperación da memoria histórica na comarca do Morrazo, así como a Iniciativa Galega pola Memoria, presentarán unha denuncia contra estes feitos e farán público un comunicado mostrando "a nosa máis enérxica repulsa", segundo sinala a presidenta de Memoria Histórica de Marín, Enriqueta Otero. "Se fora un feito illado realizado por algún iluminado non tería a menor importancia", enfatiza Otero. Porén, o certo é que non é a primeira acción de boicote con cheiro fascista que sofren en Marín, polo que recalca que os responsábeis destes actos "están a se envalentonar".

As placas do paseo marítimo, furtadas por dúas veces

Así, hai dez anos colocáronse no no paseo marítimo da vila seis placas de bronce en memoria do alcalde Antonio Blanco Solla e doutros cinco veciños --Bernardino de la Torre, Albino Agraso, Amando Iglesias, Demetrio Lorenzo e Santiago Ramos-- condenados por "rebelión" e fusilados polos militares en Monte Porreiro o 31 de decembro de 1936. O pai da presidenta de Memoria Histórica de Marín, Eduardo Otero Molas, tamén foi prendido polos militares e, embora non foi asasinado, estivo perseguido durante décadas. 

Pois ben, as placas "desapareceron xa por dúas veces". Conta Enriqueta Otero que a última a furtaron haberá un mes. A asociación en prol da memoria volveu colocalas, desta volta feitas de pedra, ao entenderen que o motivo do furto fora "o valor do bronce". Porén, a pintada do aguiuncho fascista no monolipo de Cruz da Maceira, colocado nunha zona illada, no monte, leva a estes colectivos a barallar a posibilidade de que grupos organizados da ultradereita estean detrás do boicote á memoria.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios