O tango triste de Matilde Villaverde

“Sus ojos se cerraron y el mundo sigue andando/ su boca que era mía ya no me besa más”, di o tango de Carlos Gardel que a pontevedresa Matilde Villaverde cantaba na emigración arxentina lembrando aquel primeiro mozo, o pai da súa filla, que marchara de Marcón para loitar no bando republicano, e do que nunca máis logrou saber… Eis un extracto da peza publicada no número 365 do semanario en papel Sermos Galiza.
f8_FS_DeMemoria
photo_camera [Imaxe: Cedida] Manuel Coto nunha fotografía familiar.

m8_FS_DeMemoriaNunca soubo Matilde que a Manuel Coto Martínez lle arrebataran a vida no campo nazi de Gusen, dependente de Mauthausen. Só sabía que el non a deixaría por vontade propia. Nin a ela nin á filla que esperaban cando foi chamado a filas. As últimas novas chegáranlle na carta que el mandou desde a fronte de Zaragoza o 3 de decembro de 1936, e que a súa filla Manuela compartiu co programa “A memoria das mulleres” do Concello de Pontevedra para recoller nunha publicación realizada con motivo da homenaxe aos pontevedreses que, coma el, estiveron presos en campos nazis.

Como tantos outros galegos, Manuel Coto Martínez fora obrigado a alistarse no bando franquista en 1936, cando tiña 24 anos, pero axiña se pasou ao exército republicano, o afín coas súas ideas. Tras a vitoria golpista, cruzou a pé a fronteira e desde Francia embarcouse noutra guerra, coa confianza de que unha vitoria aliada liberaría á súa terra das fauces da ditadura de Franco. Pero non foi así e xa en 1940 foi detido polos alemáns e confinado nun Frontstalg, zonas de tránsito habilitadas no norte e no leste para reter os soldados antes de envialos a campos alemáns de concentración ou traballo forzado.

O seu expediente, estudado polo historiador pontevedrés Xosé Álvarez Castro, conta que estivo no Stalag XI‑B, en Bad Fallingbostel, e que o 25 de xaneiro de 1941 foi trasladado a Mauthausen, campo de categoría 3, a máis dura, reservada para prisioneiros que consideraban imposíbeis de rehabilitar por ser “inimigos políticos incorrixíbeis do Reich”. O tren levaba 1506 españois, entre eles o coñecido fotógrafo catalán Francesc Boix. Posteriormente, o pontevedrés foi trasladado a Gusen, onde finou o 2 de xuño de 1943, un mes despois de que a súa filla Milucha, bautizada Manuela como el pedira na última carta, cumprira os seis anos.

[Podes ler a peza íntegra no número 365 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios