Suspendido o prazo concedido aos Franco para retirar bens do Pazo de Meirás

O tribunal adopta esta decisión á espera de que se resolvan os incidentes sobre os bens e elementos que os familiares do ditador poderían sacar do inmóbel, ademais dos recursos de reposición presentados tanto polo Estado, a Xunta, a Deputación provincial e os concellos da Coruña e Sada.
Busto do ditador, que presidiu a entrega de chaves á Avogacía do Estado en Meirás. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Busto do ditador, que presidiu a entrega de chaves á Avogacía do Estado en Meirás. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña suspendeu o prazo dun mes concedido á familia Franco para retirar bens do Pazo de Meirás. O órgano emitiu unha resolución na que deixa en suspenso esta decisión, adoptada o pasado 28 de abril.

O tribunal adopta esta decisión á espera de que se resolvan os incidentes sobre os bens e elementos que os familiares do ditador poderían sacar do inmóbel, ademais dos recursos de reposición presentados tanto polo Estado, a Xunta, a Deputación provincial e os concellos da Coruña e Sada.

Este mesmo xulgado emitiu outra resolución na que se require o Estado a depositar, no prazo máximo dun mes, toda a documentación e información que xustifique a necesidade de realizar obras no Pazo, tal e como solicitaba a familia Franco.

Neste sentido, o Goberno estatal deberá xustificar a declaración de emerxencia das contratacións das obras e especificar os traballos concretos realizados, aqueles que está a executar e os que "proxecta executar".

Novidades

Hoxe mesmo, a  Xunta requiriu á familia Franco que presente documentación adicional para tramitar a súa solicitude de traslado referida ás estatuas do Mestre Mateo, situadas actualmente nas Torres de Meirás, dada a súa consideración como Ben de Interese Cultural (BIC). Esta información é tamén un requisito obrigatorio no caso da Biblioteca de Emilia Pardo Bazán, lembra a Consellería de Cultura, Educación e Universidades.

Os Franco solicitaran formalmente a principios de mes retirar de Meirás as estatuas do Mestre Mateo e a biblioteca de Pardo Bazán.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios