O futuro das cruces que enxalzan os "caídos" das tropas franquistas, en mans do Supremo

A do Castro de Vigo foi unha das cruces que máis polémica suscitou nos últimos anos, chegando o asunto ao Tribunal Constitucional. Agora será o Supremo o encargado de sentar xurisprudencia no caso dun municipio alacantino do que se retirou un símbolo de características semellantes.
Retirada da cruz franquista de Callosa de Segura, en 2018, un caso sobre o que o Supremo sentará xurisprudencia. (Foto: RTVE)
photo_camera Retirada da cruz franquista de Callosa de Segura, en 2018, un caso sobre o que o Supremo sentará xurisprudencia. (Foto: RTVE)

En novembro de 2015 o Tribunal Constitucional botaba por terra o último intento da Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 de retirar do monte do Castro a polémica Cruz dos Caídos. Desestimaba entón o seu recurso contra unha sentenza previa emitida ese mesmo ano polo alto tribunal galego, o TSXG, que á súa vez daba a razón ao Concello de Vigo nas súas alegacións fronte a un veredicto inicial dun xulgado da cidade, en 2014, que ditaba unha orde de derrubamento contra a cruz ao abeiro da Lei de memoria histórica.

Consideraban os maxistrados, tanto nun primeiro momento os do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza —agás unha xuíza que emitiu un voto particular en contra da permanencia do símbolo— como os do Constitucional que a cruz, após retirárselle as placas que enxalzaban o triunfo bélico das tropas sublevadas do ditador Francisco Franco, escudos da Falanxe e outros elementos de inspiración fascista e falanxista, estaba exenta de toda simboloxía franquista.

A Cruz do Castro semella inamovíbel a pesar da entrada en vigor da nova Lei de memoria democrática, algo máis concreta na súa redacción decretando a prohibición expresa de situar na vía pública elementos que "enxalcen a sublevación militar e a ditadura, os seus dirixentes, participantes no sistema represivo ou as organizacións que sustentaron a ditadura". Serán os xuíces os que interpreten se cruces como a viguesa e outros elementos semellantes enxalzan, ou non, a sublevación militar de 1936 e o réxime ditatorial.

Este símbolo foi erixido en Vigo en 1961 pola Falanxe Española en lembranza unicamente aos falecidos nas filas franquistas, "caídos por Dios y por España", tal e como podía lerse nunha das placas xa retiradas. A única que perdura é a que di "Polos mortos na guerra civil (1936-1939)", colocada en xuño de 1981 co afán de dar á cruz aparencia de reconciliación e memoria de ambos os bandos para reconvertela nun símbolo que "permita reflexionar sobre o pasado", argumento esgrimido polo TSXG.

O futuro destes elementos promovidos por persoas afíns á ditadura, porén, podería dar un xiro radical nas próximas semanas. O Tribunal Supremo reunirase para determinar, segundo informa elDiario.es, se unha cruz de características semellantes á do Castro retirada polo Goberno local de Callosa de Segura (Alacant, País Valencià) en 2018 era "legal" ou se, pola contra, pode considerarse "exaltación da sublevación militar" ao conter unha listaxe de combatentes sublevados finados na guerra.

Previamente, un xulgado de Elxe e o Tribunal Superior de la Comunitat Valenciana rexeitaran o recurso interposto por unha plataforma apoiada polo colectivo relixioso Abogados Cristianos contra a negativa do Concello a considerar unha iniciativa do grupo municipal do PP para manter exposta a cruz.

O caso de Callosa de Segura servirá para que o Supremo sente a súa xurisprudencia no que atinxe a este tipo de símbolos, aínda presentes, alén de Vigo, en diferentes municipios da Galiza. En caso de ratificar a decisión dese Concello entendendo que malia non contar xa con alusións explícitas ao franquismo segue a ser un elemento que enxalza o réxime de Franco, a decisión do Supremo podería provocar novas sentenzas favorábeis á retirada de cruces como a do Castro ou a mesma Cruz dos Caídos do Val de Cuelgamuros, en Madrid, lugar no que repousaban os restos de Francisco Franco e o falanxista José Antonio Primo de Rivera —cuxo corpo será exhumado esta segunda feira, 24 de abril—.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios