'As guerrillas galegas ao descuberto'

Manuel Pazos: “O desterro foi unhas das medidas máis crueis contra as familias dos guerrilleiros”

Manuel Pazos Gómez (Marzoa-Oroso,1962), é un historiador galego que ten debullado a represión na comarca de Ordes pero tamén estudado a fondo os vitimarios. A sexta feira, achégase en Nós Diario á represión contra os familiares dos guerrilleiros polo franquismo

Manuel Pazos
photo_camera Manuel Pazos Gómez. Foto: Nos Diario

Leva moitos anos investigando a guerrilla na comarca de Ordes e xogando un papel chave na restitución da súa memoria, cando repara na mecánica dos desterros como forma de combate á resistencia antifranquista?

O proceso para entender a mecánica dos desterros de forma global foi lento. Na década dos anos 90 do século pasado, a través das investigacións de campo, decatámonos que varias familias de guerrilleiros eran desterradas a Castela. O método era igual para todas. Un día a Garda Civil ordenáballe a familias enteiras subir a un camión ou a un tren e, pasado un día, aparecían en Burgos, Valladolid ou en Soria. Recuperamos as testemuñas de moitas vítimas vivas, pero faltaban as fontes documentais e coñecer os mecanismos propios desta forma represiva, que van desde a proposta de desterro por parte do xefe do cuartel da Benemérita de Ordes, da autorización por parte do Goberno Civil, da Garda Civil como brazo executor e dunha lexislación que amparaba a “legalidade” da ditadura. Despois de investigar de forma minuciosa a guerrilla na comarca, consideramos que era urxente centrarnos no feito dos desterros e o gran sufrimento que padeceron tantas familias, fosen crianzas, persoas adultas ou maiores. Certamente os desterros forman parte dunha das medidas represoras máis crueis que levou a cabo a ditadura contra os familiares dos guerrilleiros antifranquistas.

"as secuelas psicolóxicas das persoas desterradas que están vivas non se curaron durante a ditadura e tampouco en tantas décadas que levamos de Transición"

A que lóxica represiva responderon os desterros dos familiares dos guerrilleiros e que se pretendía con eles?

O principal argumento que daba a Garda Civil para xustificar os desterros era erradicar as posíbeis canles de axuda que os guerrilleiros recibían dos seus familiares, é dicir, illalos totalmente. Xuridicamente eran medidas precautorias para evitar que os familiares dos resistentes cometesen “delitos”. Esta medida non procedía dunha sentenza xudicial, polo que era totalmente arbitraria. Por outra parte era un castigo, un escarnio, unha humillación, un ataque psicolóxico para os guerrilleiros que combatían nos montes, pero tamén para os familiares desterrados e para amedrentar á poboación en xeral. O confinamento en terras alleas remataba cando a Garda Civil lle daba morte ao combatente; un dobre sufrimento para os familiares. As secuelas psicolóxicas das persoas desterradas que están vivas non se curaron durante a ditadura e tampouco en tantas décadas que levamos de Transición.

 Cantas familias de resistentes ten localizado que padecera a pena de desterro nesa zona?

A investigación que está en curso céntrase en varias unidades familiares e algún caso individuos, todos da bisbarra de Ordes. Concretamente estudamos polo miúdo o sucedido con todos os membros de cinco familias e seis casos individuais. En total case unhas 30 persoas, desde unha nena desterrada aos sete anos a unha muller de 70. Esta nena chegou a facer a primeira comuñón nunha vila de Soria e a señora morreu no desterro. Constatamos dúas persoas que pereceron desterradas, en terras estrañas, que nunca puideron volver, polo que nin sequera están soterradas aquí. Clarificar como se dixo anteriormente que os desterros son ordenados polo Goberno Civil e executados pola Benemérita, sen seren consecuencia dun proceso xudicial previo, polo que non existe unha pena ou sentenza que os condene a abandonar as súas casas.

Achégase aos desterros dos familiares dos guerrilleiros na comarca de Ordes, esta práctica só se deu nesa zona ou é extensíbel a outras partes da Galiza?

Contactei con investigadoras e investigadores doutras comarcas da Galiza para realizar comparativas, mais apenas hai casos ou descoñécense. Todo indica que na comarca de Ordes esta práctica represiva levouse a cabo nunha etapa na que a guerrilla permanecía moi activa. As autoridades civís e militares franquistas, coa Garda Civil ao fronte, non eran capaces de aniquilar a loita armada, entón foron a polos indefensos familiares dos guerrilleiros, para atacalos psicoloxicamente e cargalos de culpa coa intención que cesasen na loita e se entregasen, pero nin isto lles funcionou. Os familiares dos guerrilleiros víronse acosados de tal xeito que eran continuos os rexistros nas vivendas, con ameazas, encadeamentos, humillacións. Por exemplo, da casa do guerrilleiro Antonio Nouche Costa de Deixebre, en Oroso, a Garda Civil incautou todas as súas pertenzas persoais, polo que a familia non conserva nada del, nin sequera unha fotografía.

"a “brigadilla” está constituída unicamente por gardas civís atrevidos, crueis e violentos, coñecedores do terreo, que imitaban a vida dos guerrilleiros"

Cambiando de tema, significa no seu traballo o papel da “brigadilla” no operativo do terror, pero realmente que era, como actuaba e por quen estaba formada?

Na nosa zona aplicáronse dúas formas, digamos, de guerra sucia ou guerra non convencional contra os resistentes que provocaron moito dano aos guerrilleiros, pero tamén aos enlaces e apoios. Por un lado está a “brigadilla” e por outro as denominadas “contrapartidas”. Estas dúas denominacións nalgúns lugares do Estado veñen a ser o mesmo. Mais na zona de Ordes constatamos que a “brigadilla” está constituída unicamente por gardas civís atrevidos, crueis e violentos, coñecedores do terreo, que imitaban a vida dos guerrilleiros coa finalidade de conseguir información para desmantelar, aniquilar ou infiltrarse na resistencia. En definitiva, a Garda Civil utiliza estas tácticas debido a que a guerra convencional contra a guerrilla fracasa, entón busca outras formas para desartellala. Pola contra, na nosa comarca, nalgunhas “contrapartidas” podían verse gardas civís, pero habitualmente estaban formadas por xente non profesional, por falanxistas, matóns, que, imitando aos guerrilleiros, dedicábanse a descubrir enlaces, dar parte á Garda Civil, actuar pola súa conta ou simplemente patrullar e dar chivatazos. Se nos centramos na “brigadilla”, dicir que os éxitos que a Garda Civil e a ditadura conseguiron a nivel Estado con estas tácticas, serviron para crear a Brigadilla de Servizos Especiais e, posteriormente, o Grupo de Servizos Especiais da Garda Civil, que derivaron no actual Servizo de Información da Garda Civil que vela contra calquera “ameaza” a España.

Comentarios