A cidade da selva

Sputnik Labrego amosa en Casaio os vestixios da guerrilla antifranquista

As investigacións están dirixidas por Carlos Tejerizo, do CSIC, e Alejandro Rodríguez, da USC. 

A coñecida como "Cidade da Selva" foi un conxunto de campamentos nos que se instalaron os membros da guerrilla antifranquista nos anos 40 do século pasado nos montes de Casaio, en Valdeorras. Foi tamén o foco das investigacións e escavacións impulsadas polo equipo Sputnik Labrego coordinadas e dirixidas por Carlos Tejerizo, do CSIC, e Alejandro Rodríguez, da USC, desde hai máis de dous anos. Na última das prospeccións, en xuño pasado, o equipo achou unha inxente cantidade de obxectos que revelan as condicións nas que vivían e operaban os guerrilleiros, pertencentes á mítica Federación de León-Galiza. 

Desde hoxe mesmo, coincidindo coas festas de Casaio, e até o vindeiro venres, 6 de setembro, o equipo de Sputnik Labrego analizará, na escola da localidade, os materiais arqueolóxicos recuperados nesta última escavación. Estes traballos centráronse en sete chozas que no seu momento, anos 40, facían parte dos campamentos guerrilleiros da Federación de León-Galiza e cuxo material arqueolóxico será analizado, explica a Sermos Galiza Carlos Tejerizo, por expertos de universidades galegas, vascas e madrileñas. O conxunto desvenda aspectos fundamentais sobre a vida cotiá da guerrilla e as duras condicións que houberon de soportar no monte. 

Sputnik Lagrego estudará o material na escola de Casaio, onde haberá, de xeito paralelo, unhas xornadas de portas abertas "para que o público interesado non só poida ver os achádegos, senón tamén comprobar os labores que realiza o equipo en tempo real", sinala Tejerizo. O horario de visita é de dez a unha do mediodía e e cinco a oito da tarde.

"As escavacións recollen a información dos estudos realizados no seu momento por Secundino Serrano e Isidro García e pretenden ser unha aproximación arqueolóxica a esa etapa traumática da nosa historia", apunta Tejerizo. "Os resultados da investigación son moito mellores do que agardabamos", engade, "pois ofrece información relevante sobre o que aconteceu no Val da Bruña até o ataque da Garda Civil en 1946, principalmente no que respecta á vida cotía, que é un aspecto moi escurecido desta etapa", subliña. 

Entre outros moitos obxectos, atopouse un revólver de finais do século XIX que supón "o primeiro que se atopa no seu contexto arqueolóxico" e que fala, sostén Tejerizo, "da necesidade que a guerrilla tiña de reutilizar todo o material dispoñíbel para poder desenvolver a súa acción". 

Ademais, o estudo confirma que a Federación de Guerrillas León-Galiza era unha organización "moi ben estruturada" e "articulada coas comunidades locais".

Comentarios