Día da Galiza Mártir

Este foi o primeiro concello que lle dedicou unha rúa a Bóveda, a cuxa inauguración asistiu a súa viúva

Ao acto de inauguración acudiu a súa viúva, Amalia Álvarez, e outros familiares do histórico galeguista fusilado.
Fernando Pereira e Amalia Álvarez na inauguración da rúa Alexandre Bóveda. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Fernando Pereira e Amalia Álvarez na inauguración da rúa Alexandre Bóveda. (Foto: Nós Diario)

A figura de Alexandre Bóveda, hoxe en día recoñecida na Galiza como símbolo da represión franquista, foi silenciada durante anos polo réxime ditatorial imposto no Estado español. Coa morte de Francisco Franco, comezou un proceso de lenta apertura democrática que levou a que se volvera a falar de moitos dos persoeiros galeguistas que foran asasinados durante a Guerra Civil española, ademais de renderlles homenaxe.

Neste sentido, o concello de Soutomaior foi pioneiro á hora de recoñecer o labor político de Bóveda, ao converterse no primeiro municipio en dedicarlle unha rúa e organizar un acto de homenaxe. Tivo lugar durante o primeiro mandato como alcalde de Fernando Pereira Caamaño, en 1979.

A iniciativa foi impulsada pola Asociación Amigos do País, fundada polo propio Pereira, que estivera emigrado en Uruguai entre 1956 e 1977, onde desenvolveu diferentes actividades para o galeguismo no exilio, no seo do Padroado da Cultura Galega de Montevideo.

Ao acto de homenaxe acudiu Amalia Álvarez, a viúva de Bóveda, así como a súa filla e demais familiares do galeguista fusilado. Pereira seguiu organizando actos de homenaxe anuais a Bóveda, nos que a súa familia participaba activamente.

En 1986, con motivo do cincuenta aniversario do seu asasinato, Amalia Álvarez pronunciou un discurso, no que detallou que, "o pobo, esa memoria que alguén nos arrebata, está bebendo a grolos no monte da Caeira o lume da lembranza".

Homenaxe a Castelao

Soutomaior e Fernando Pereira tamén foron pioneiros á hora de homenaxear Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, un dos pais do nacionalismo galego. O concello foi o primeiro da Galiza en dedicarlle unha rúa. Só Montevideo, en Uruguai, lle dedicara unha rúa a Castelao antes, tamén a iniciativa de Pereira.

O propio rexedor rendera a súa particular homenaxe a Castelao antes de chegar ao cargo. Cando volveu de Uruguai en 1977, Pereira inaugurou unha libraría en Vigo, á que nomeou precisamente co apelido do galeguista: libraría Castelao

Baixo o seu mandato, que se estendeu até 1995, Soutomaior converteuse no primeiro concello en declarar o galego como lingua oficial. Ademais de Bóveda e Castelao, súa tamén foi a iniciativa de homenaxear Rosalía de Castro ou Luis Seoane.

Falecido en 2000, a editorial Ir Indo publicou en 2010 unha biografía sobre a súa figura, na que participaron, entre outros, Xosé Luis Méndez Ferrín, Xesús Alonso Montero, Xesús Ferro, Avelino Pousa Antelo, Camilo Nogueira, Xosé Manuel Beiras e Xosé Neira Vilas.

Comentarios