A actuación represiva de Victoriano Suanzes

A sombra do Terror en Ferrolterra

En Ferrol, Eume e Ortegal os combates tras o golpe militar remataron co control da zona por parte dos militares sublevados nos últimos días de xullo de 1936. Nesa altura, as novas autoridades estabeleceron un réxime de terror, con poder absoluto sobre a vida das persoas, e despregaron toda unha serie de operacións de represalia dirixidas a suprimir a disidencia, coa utilización combinada de asasinatos, encarceramentos, malleiras, humillacións, violencia sexual e outras formas represivas. 
Neno saudando brazo en alto na Base Naval da Graña en Ferrol. (Foto: Arquivo Eliseo Fernández)
photo_camera Neno saudando brazo en alto na Base Naval da Graña en Ferrol. (Foto: Arquivo Eliseo Fernández)

Victoriano Suanzes en Ferrol

O período álxido do Terror na zona foi o comprendido entre o 15 de agosto e o 31 de outubro de 1936: máis da metade dos asasinatos e practicamente o 90% das execucións extraxudiciais cometidas nos tres anos de guerra civil tiveron lugar nestes dous meses e medio. A represión inicial foi dirixida contra individuos dos grupos que aínda tentaban resistir en Miño, Pontedeume, Cabanas, Mugardos ou Cedeira; mais as cousas cambiaron de modo brusco a partir do 16 de agosto, cando comezaron a producirse sacas colectivas de presos que eran executados sen ningunha formalidade legal. Esta mudanza nos métodos e na intensidade da represión coincidiu coa chegada a Ferrol do capitán da Garda Civil Victoriano Suanzes Suanzes e o seu nomeamento como delegado de Orde Pública. E as execucións extraxudiciais mantivéronse ao longo dos dous meses e medio que Suanzes comandou a Delegación, para diminuír drasticamente despois da súa destitución a finais de outubro de 1936.

A prensa da zona republicana destacou o papel na represión de Suanzes, ao que mesmo atribuíu unha participación directa na utilización de métodos de tortura como os denominados a “ducha” e o “garrote”. Anos despois, Manuel D. Benavides fixo unha descarnada descrición de Suanzes, ao que acusou de elaborar persoalmente as listas das persoas a asasinar, e insistiu en que el mesmo participaba persoalmente nas torturas a mulleres dos presos na chamada “piscina” da Academia de Maquinistas. 

Quen era aquel Suanzes de quen tan cruelmente falaban as crónicas? Victoriano nacera o 19 de maio de 1903, e pertencía a unha familia de longa tradición militar, era fillo, neto e bisneto de almirantes. En 1921 ingresou na Academia de Infantaría en Toledo e algúns anos despois, en 1928, cando xa era tenente, pasou a formar parte da Garda Civil. En outubro de 1934 o seu nome destacou entre as forzas da Garda Civil máis activas na persecución de militantes de esquerda implicados no levantamento socialista.

Moitas das persoas detidas en Ferrol padeceron malleiras e torturas, das que foron acusados os gardas civís José Leseduarte, Suanzes, Manuel Cebral e José Torres. Mais ao mesmo tempo que as acusacións, chegaron tamén, por outra banda, as homenaxes públicas dos partidarios da man dura: o ministro de Marina, a proposta do xefe da Base Naval de Ferrol, condecorou a Leseduarte, Suanzes, Cebral e outros nove gardas civís pola súa actuación.

Suanzes foi ademais ascendido a capitán e destinado á provincia de Lugo, onde estivo envolto noutro incidente por excesos no uso da forza, pois varios gardas civís mataron en Gundivós-Sober un home de quen sospeitaban que tivera algo que ver coa morte violenta dun vixilante das minas de Freixo-Monforte.

Despois da vitoria electoral das esquerdas en febreiro de 1936 Victoriano Suanzes foi trasladado a Calahorra-Logroño, pola súa implicación na tentativa golpista do 19 e 20 de abril. Este golpe contaba cunha importante participación de gardas civís agrupados arredor do tenente coronel Benito de Haro, entre os que estaban Florentino González Vallés, Tomás Fernández Rogina e Rodrigo Santos Otero; nesta tentativa contábase co enlace de Suanzes con militares da Armada en Ferrol, grazas á súa orixe familiar. En xullo de 1936 Suanzes estaba detido no castelo de Montjuich, mais conseguiu escapar, gañando a fronteira francesa para retornar a Calahorra.

Despois foi recibido triunfalmente en Lugo, A Coruña e Ferrol, a onde chegou o 9 de agosto; entre aclamacións o alcalde da cidade pediu que ficara destinado na cidade.

Resúltache interesante a lectura? Para acabar de ler esta reportaxe só tes que mercar o Nós Diario de hoxe nas librarías, gasolineiras ou quiosques e mesmo na nosa tenda para a súa lectura na nube. Para estar ao día de todos os capítulos do coleccionábel 'Os nomes do terror' é mellor que formalices a túa subscrición!

Comentarios