Sobredo lembra e honra os seus ‘mártires’: 95 anos do asasinato de Cándida, Joaquín e Venancio

Máis un ano, este lugar de Tui acolleu a xornada de actos para recordar os sucesos de 1922, cando tres veciños morreron a mans da Garda Civil no marco da loita contra os foros.

 

sobredo monumento @luisvillares
photo_camera Foto: @VillaresLuis

En Sobredo (Gullarei-Tui) mantense viva a memoria dunha etapa da historia de Galiza, a loita agraria contra os foros, que acadou niveis de verdadeira revolución. Neste lugar caían o 28 de novembro de 1922 tres veciños (Cándida Rodríguez, Joaquín Estévez e Venancio González) baixo as balas da Garda Civil. O instituto armado dirixírase a Sobredo para embargar un veciño que se negara a pagar os foros. Tocaron a rebato as campás das igrexas para alertar da presenza dos gardas civís. A xente deixa o que está a facer e reúnense máis de 2.000 persoas para evitar o embargo. A represión deixa tres persoas mortas, que serán coñecidos como os ‘Mártires de Sobredo’, e numerosas feridas.

sobredo @xaviervence

Este domingo, 26 de novembro, Sobredo volveu homenaxear e honrar os seus mártires, nunha xornada organizada polo Instututo de Estudos Agrarios ‘Mártires de Sobredo’. Un acto cívico, popular e emotivo que este lugar acolle ano tras ano e que nesta ocasión tivo unha dedicatoria á loita por salvar o monte galegos dos incendios.

Unha procesión cívica percorreu a distancia entre a carballeira e o monumento erixido para non esquecer o que pasou aquel 28 de novembro de 1922. Ergueuse por suscripción popular en 1932, sendo dinamitado polos fascistas nos primeiros días do golpe franquista. Foi reconstruído en 1986 grazas ao movemento popular.

Na procesión cívica ondeáronse estandartes de entidades e sociedades agrarias. Ao pé do monumento, as intervencións de Trillo –un veciño da parroquia que recita coplas sobre aqueles feitos-, de Xosé Alfredo Pereira (presidente da Organización galega de comunidades de montes comunais e veciñais) e de Alba Nogueira (profesora de Dereito na USC e neta do autor do monumento). Unha ofrenda floral e a actuación de grupos de música e baile galego puxeron o ramo ao acto.

Imaxes: @VillaresLuis e @xaviervence

Comentarios