Sobredo homenaxea seus mártires e a Meirás

A conmemoración anual dos sucesos de 1922 conectou, coa intervención do investigador Carlos Babío, a defensa dos dereitos labregos que tamén tivo lugar en Meirás.

Homenaxe  Martires de Sobredo 2019 (Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo)
photo_camera Homenaxe Martires de Sobredo 2019 (Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo)

A choiva e o frío non foron quen de deslucir este ano a conmemoración do 97º aniversario dos sucesos de Sobredo. A memoria de Cándida Rodríguez, de Pazos de Reis (Tui); Xoaquín Estévez, de Soutelo (Salceda); e Venancio González, de Budiño (Salceda), que perderon a súa vida neste sitio baixo os tiros da Garda Civil cando se opoñían ao embargo de bens a un veciño que non pagara rendas de foros, seguen a ser un símbolo de loita contra a inxustiza.

Os actos, como noutras edicións, desenvolvéronse no Campo dos Mártires, en Guillarei, ao pé do monumento realizado polo escultor Camilo Nogueira no ano 1932.

Nesta ocasión participou na homenaxe Carlos Babío Urkidi, investigador e coautor do libro Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio.

Os actos, como noutras edicións, desenvolvéronse no Campo dos Mártires

“As loitas labregas de Sobredo teñen unha relación directa coa memoria histórica”, explica Carlos Babío a Sermos Galiza, “a primeira decisión que se toma no mesmo mes de xullo de 1936 é dinamitar ese monumento”.

A revolta labrega de Sobredo non foi a única na Galiza. Babío, na súa intervención, relacionouna coa de Meirás. “Nese caso foi debido ao espolio do Pazo de Meirás que foi moi significada cunha grande difusión nos medios do Estado”. O investigador sinala a Sermos que foi tamén un exemplo de loita agraria. “Un episodio pouco coñecido que rescatamos para homenaxear todas as loitas agrarias do século XX”.

Comentarios