Unha parte do nacionalismo defendeu o 17 de decembro como data do Día da Patria

O simbolismo patriótico de Pardo de Cela

O 17 de decembro era a data preferida por unha parte do nacionalismo para celebrar o Dia da Patria Galega. Malia que a II Asemblea Nacionalista de 1919 acordou instituír o 25 de xullo como festa nacional, o 17 de decembro mantívose até os anos 50 como unha efeméride chave do calendario nacionalista.

 

Propaganda distribuída polos nacionalistas ourensáns co motivo de 452 aniversario da execución do mariscal Pedro Pardo de Cela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Propaganda distribuída polos nacionalistas ourensáns co motivo de 452 aniversario da execución do mariscal Pedro Pardo de Cela. (Foto: Nós Diario)

A escolla de 25 de xullo como Dia da Patria Galega non estivo exento de controversias. Neste sentido, os nacionalistas de matriz máis laica defenderon a celebración da festa nacional o 26 abril, data do aniversario do asasinato en Carral dalgúns dos dirixentes da revolución galega de 1846 ou o 17 de decembro, por coincidir co aniversario da execución en Mondoñedo de Pardo de Cela polos Reis Católicos. Esta última proposta contou coa adhesión entusiasta dos sectores máis abertamente arredistas e do nacionalismo da emigración arxentina, que mantivo a convocatoria até comezos dos anos 60.

O 17 de decembro significouse como un data chave para o nacionalismo durante décadas. Se a reivindicación da figura do mariscal Pardo de Cela iniciárono os grandes vultos da primeira xeración protonacionalista, aqueles que lideraron a revolución de 1846, a data da súa execución comeza a ser conmemorada na última década do século XIX. Así, é doado seguir os actos convocados por ese motivo pola Liga Galega da Coruña pero tamén polos núcleos emigrados de Arxentina e Cuba, sendo varios os masóns galegos na illa que adoptaron o nome simbólico de Pardo de Cela.

A conformación do nacionalismo como un movemento de masas, proceso que se iniciou coa fundación do Partido Galeguista en decembro de 1931, deulle un novo significado á data de 17 de decembro. Así, durante o período republicano a conmemoración do asasinato do mariscal rebelde popularizouse en vilas e cidades galegas, asociado a un labor previo de axitación e acompasado de iniciativas nacionais, entre as que destacaron a comisión formalizada na Estrada baixa a presidencia de Fermín Bouza Brei para erguer un grande monumento nacional a Pardo de Cela.

O fascismo contra Pardo de Cela

Pardo de Cela durante este período foi motivo de confrontación dos nacionalistas e do conxunto das forzas progresistas cos sectores máis reaccionarios da sociedade. Neste sentido, foron habituais as críticas ao mariscal desde as filas fascistas, destacando entre elas a de Montero Díaz e gañando moita forza após o golpe de Estado de 18 de xullo de 1936. Sen ir máis lonxe, en setembro dese ano, nun acto celebrado en Mondoñedo, o falanxista focego Ramón Salgado Toimil  sinalou que “na vosa executoria de nobreza e orgullo está ter sido leais colaboradores dos Reis Católicos na alta empresa de crear a unidade nacional ao facer caer a cabeza de Pardo de Cela”.

As campañas de propaganda arredor de Pardo de Cela provocaron a persecución dos nacionalistas polas autoridades republicanas. Así, o 17 de decembro de 1934 un grupo de militantes das Mocidades Galeguistas de Pontevedra foron detidos na cidade por repartir unhas follas voandeiras onde afirmaban que “Hoxe: 17 de Nadal de 1934 fai 451 anos que asasinaron en Mondoñedo ao mártir da liberdade galega: Mariscal Pardo de Cela. ¡Viva Galiza Ceibe!”.

A consecuencia desta acción e após un enfrontamento con tres fascistas remataron no cárcere os mozos nacionalistas Prudencio Taboada, Francisco Gastañaduy, Manuel Manso e Xosé Castro Aríns.

As dificultades para os militantes das Mocidades e do Partido Galeguista continuaron o ano seguinte. Nesta ocasión, a liorta situouse en Ourense, onde un grupo de afiliados da Falanxe e das Xuntas de Acción Popular agrediron nas rúas da cidade aos adherentes nacionalistas Castor Velo Cobelas, Tomas Bóveda, Remixio González Gándara e Vítor Bóveda.

“Viva Galiza Ceibe”

Unha constante en toda a propaganda nacionalista anterior ao golpe de Estado de 1936 era a presenza de “Viva Galiza Ceibe”, como voz de orde que recollía as aspiracións e identificaba o movemento político. Así, a propaganda espallada en 1935 para lembrar a Pardo de Cela afirmaba que “Galegos. Hoxe, 17 de nadal de 1935, fai 452 anos, que co asasinato do Mariscal Pardo de Cela finaron as liberdades galegas. Que un día non lonxano poidamos pór en marcha de novo a historia parada en Mondoñedo. Viva Galiza Ceibe”.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios