Obituario na memoria de 'Chato' Galante: O silencio será doutros

A xornalista Montse Fajardo escribe o obituario de Jose María "Chato" Galante, ex preso na ditadura franquista, torturado por "Billy El Niño" e referente da loita contra a impunidade dos crimes do franquismo. A noticia do seu falecemento, pola COVID-19, coñeceuse na mañá do domingo.

 

'Chato' Galante e Montse Fajardo (Imaxe: Anxo Padín)
photo_camera 'Chato' Galante e Montse Fajardo (Imaxe: Anxo Padín)

Non lembro ningún texto que me doese máis escribir. A morte de Chato Galante é un mazazo para todas as persoas que tivemos a enorme sorte de coñecelo. A primeira vez que falei con el foi hai pouco máis de un ano, cando veu de Madrid para que o movemento memorialístico galego apoiase a loita que, en contra da impunidade franquista, estaba a facer La Comuna, -a asociación de presas e presos políticos á que pertencía-, sobre todo a través da tramitación da querela arxentina, que buscaba que os tribunais internacionais acabasen coa impunidade da ditadura, intocábel para a xustiza española.

Un ano só e cambiouno todo. Co seu discurso enérxico, convencido, e a súa humanidade contaxiosa, fíxonos entender que a memoria tiña que ir máis alá do laio, e reivindicar xustiza: Xustiza  universal.

Hoxe o universal é o loito, pero sei que a el non lle gustaría que me laie. Chato querería que as liñas na súa lembranza falen da súa batalla e da inxustiza que supón morrer antes de ver xulgado a quen o torturou, a quen torturou a tantos compañeiros e compañeiras que hoxe o choran.

Naquel primeiro día, entrevisteino para Sermos e cada verba foi unha lección. “Esíxese verdade, xustiza e reparación e nós temos amnesia, esquecemento e unha reconciliación baseada na supresión da investigacións dos crimes, na protección dos criminais e na invisibilidade das vítimas”, dixo. Logo, iniciou un periplo para espallar a mensaxe por esta Terra á que quería coa morriña transmitida por tantos compañeiros galegos de prisión, naqueles días baixo a bota de Billy el Niño. Nunca esquecerei a súa emoción cando cantamos no acto nacional de San Simón o himno que eles lle aprenderan enteiriño. “Nunca o podo cantar sen chorar” díxome, con esa bonhomía, con esa dignidade que en pouca xente atopei tan a mans cheas.

Galiza sumouse á súa Coordinadora estatal de Apoio á Querela Arxentina (Ceaqua) e el volveu no outono para dar novas charlas e participar na adhesión das primeiras familias galegas á querela. No último periplo por Pontevedra, Barbanza e Val Miñor, xa estaba enfermo de cancro, pero prometeu que ía superalo. “Estou segura, a humanidade necesita de Chato Galante” díxenlle a Gus Gómez, o seu compañeiro de prisión, o seu irmán de afectos, o seu gran amigo. Hoxe, na súa fonda tristura, foi el o que me mandou azos cando preguntei como iamos seguir sen el: “Loitando con máis forza, porque iso é o que querería o Chato".

Pois iso faremos, Chato, amigo, prométocho. Porque temos a memoria inzada de ti. E mentres teñamos voz, o silencio será doutros, coma ese imprescindíbel documental no que fixestes máis pola loita antifranquista que ducias de gobernos democráticos.

Nin a morte vai calar o teu berro constante, que é o de cada vítima, que é o noso. Nin ela pode luxar a túa loita digna, o teu exemplo firme, a túa verba acertada.

Verdade, xustiza, reparación e memoria, hoxe máis ca nunca, para ti tamén, amigo.

Querémoste moito.  

Comentarios