domingo 19.01.2020

Sharpeville, por Xoán Costa

Foto. Central Press/Hulton Archive/Getty Images;
Páxina do  Diário de Lisboa, 22 de marzo 1960
Foto. Central Press/Hulton Archive/Getty Images; Páxina do Diário de Lisboa, 22 de marzo 1960

En marzo de 1960, o día 21, Sharpeville, na provincia de Gauteng, África do Sul encheu todos os teletipos: un protesto convocado polo Congreso Pan-Africano contra a Lei do Pase, un documento que detallaba onde podían ir os negros e, caso non o presentaren se as autoridades llelo solicitaban,  eran sumariamente detidos. Nese día millares de manifestantes camiñaban por Sharpeville para un protesto pacífico que foi reprimido pola policía surafricana provocando 69 mortos e case 200 feridos.

prensa

Na prensa galega comezaron a aparecer noticias deste asunto xa no día 22. E a presentación da noticia, igual que no resto da Europa, era non dar crédito ao que acontecía. Eran desagradecidos estes africanos. Fixemos tanto por eles!! E claro, a policía non tiña opción, vírase obrigada a disparar. Cóntao La Noche, uns meses máis tarde, en 26 de xullo, cando xa pasara o tempo da noticia e entraba o das análises: “A partir da última guerra europea unha onda de nacionalismo, de liberdade, enardeceu os pobos africanos até chegar ao unísono clamor dos días actuais.”

Esta foi, en xeral, a tónica perante os sucesos e a idea de que se trataba de lexítima defensa por parte da policía permaneceu durante máis de 30 anos.

O asunto foi non só noticia de xornal mais tamén tema literario. Como mostra este texto de Ingrid de Kok

A Nosa Sharpeville

Xogaba á mariola sobre a lousa
cando os mineiros pasaron en camións
os brazos levantados, sinais no cruzamento
o seu canto estranxeiro e familiar
como a chamada e resposta de pandillas radicais
a través da sabana, construindo arterias quentes
desde o corazón da mina Transvaal.
Corrín até o portón para os ver pasar
e parecía unha grande caravana
movéndose a través do deserto para un oásis
que lembraba do meu libro da Escola Dominical:
oliveiras, unha profunda piscina de xade
homes descansando en grupo após unha longa xornada
o perigo da misión aínda en torno deles
e a noite caíndo, as súas estrelas de prata xusto como aquelas
que obtiveche por lembrar os textos bíblicos.
Entón miña avoa chamoume desde detrás da porta principal
a súa voz unha vasoira dura sobre os degraos:
"Entra, eles fanlles cousas ás nenas pequenas"
Pois era meio día e non había piscina de xade.
En vez diso, unha poza de sangue que xa tiña un nome vivo
e creceu como unha sombra encanto o día se alongaba.
Os mortos, enterrados en voces que chegaban ao meu portón
os homes cantando en  camións emboscados
estes non eran herois na miña cidade
mais maleadores de crianzas
facendo cousas que tiñan que permanecer sen nome
E a nosa Sharpeville era esa cousa terríbel
que nos podería tentar a través das rúas ben varridas.
Se tivese dado a volta tería visto
cortinas de brocado ben fechadas a través doutras de rede
sabía que había ollos atrás de ambas
ouvido os cans andando no patio fechado da casa do lado
Mais, camiñando cara a trás, todo o que sentín foi vergoña
por ser unha nena, por ter sido encontrada no portón,
por ter ouvido mentir a miña avoa
e meu medo de que a súa mentira fose verdade
Camiñando para trás, sendo chamada de volta,
voltei para os cuartos fechados, a casa.

comentarios