Os nomes do terror

Sergio Peñamaría, de represor en Valdeorras a alcalde da Coruña

Esta é outra das biografías secuestradas ou silenciadas. Sergio Peñamaría de Llano, nado na Fonsagrada en 1914 e finado na Coruña en 2004, é presentado no relato oficial como un "hombre bueno". Nada se difunde da súa participación na represión en Valdeorras, nin da petición de penas de morte como fiscal militar, nin da súa entrega ao servizo do ditador para conseguir o Pazo de Meirás e a Casa Cornide para a familia Franco. Os tempos son chegados para coñecer a verdade e facer xustiza, retirándolle todo tipo de distinción e recoñecemento social.
Peñamaría, primeiro pola dereita, entregando a medalla de ouro da Coruña a Pedro Barrié de la Maza en 1962. (Foto: El Pueblo Gallego)
photo_camera Peñamaría, primeiro pola dereita, entregando a medalla de ouro da Coruña a Pedro Barrié de la Maza en 1962. (Foto: El Pueblo Gallego)

Fascista de primeira hora e represor en Valdeorras

“Peñamaría de Llano foi fascista de primeira hora, incorporándose voluntariamente ao bando franquista e figurando na escala militar desde 20-7-1936. Rematado o cursiño como alférez provisional (6-12-1936) participa co Exército sublevado nas frontes do Ebro e Teruel. Chega como tenente da Lexión á comarca de Valdeorras”, como recolle Emilio Vega Rodríguez no seu artigo "A memoria histórica de Valdeorras: Sergio Peñamaría de Llano" (La Opinión, 19-10-2019).

Acabada a guerra civil española, un xenocidio na Galiza, Peñamaría foi un dos oficiais ao mando do I Terzo da III Bandeira da Lexión, que tiña como misión acabar coa guerrilla na zona de Valdeorras. A súa participación na represión está documentada, entre outras, no testemuño de Consuelo Rodríguez López, 'Chelo' (recollido por Aurora Marco no seu traballo Mulleres na guerrilla antifranquista, publicado na editorial Laiovento, en 2011).

'Chelo' naceu en 1919 en Soulecín, parroquia de Santigoso (O Barco de Valdeorras), no seo dunha familia humilde. Despois da represión, dos nove membros da familia só sobreviviron tres, o irmán maior e as dúas irmás, Consuelo e Antonia. Os seus irmáns Rogelio, Sebastián, Alfonso e Domingo incorporáronse á guerrilla e morreron en combate contra as forzas franquistas entre 1941 e 1949.

Este é o impresionante testemuño do asasinato, diante dos veciños da aldea, dos seus pais Domingo Rodríguez e Amalia López o 18 de outubro de 1939:

Eu era sempre a primeira en erguerme. Estaba lavándome cando abro a porta e vexo todo rodeado pola Lexión, co seu capitán á fronte, Sergio Peñamaría de Llano. Entrou cun pau na man e preguntou:

—Onde están teus pais?
—Na cama.

Entrou, foi ao cuarto dos meus pais e comezou a mallar neles co pau:
—Puta, coño. Onde están os teus fillos? —dicíalle a miña nai.

Queres continuar coa lectura? Vai ao quiosque a mercar o Nós Diario de hoxe ou accede á nosa tenda online para a súa lectura na nube. Como sempre, tamén podes elixir algunha das modalidades de subscrición que fornecemos!

Comentarios