Unha sentenza obriga por fin a derrubar o gran símbolo fascista que sobrevive en Vigo

Despois de anos de protestas e iniciativas na súa contra, e malia a oposición do goberno local, a chamada Cruz do Castro, referencia franquista da cidade que segue en pé, terá que ser derrubada após estimar o xulgado a demanda da Asociación pola Memoria.

cruzcastero-cropII
photo_camera Cruz do Castro.

Considerado, con razóns abondo, como un enorme e anacrónico insulto en medio da cidade, a chamada Cruz do Castro, o símbolo franquista que sobrevive nunha das zonas máis visitadas de Vigo, por fin terá que ser derrubado despois de anos de protestas cidadás e tamén resistencias por parte dos poderes, que como o Concello, negáronse a botar abaixo un monumento de inspiración e historia claramente fascista.

PP e PSOE negáronse de novo hai un ano, a iniciativa do BNG, a retirar un monumento que o xulgado agora recoñece como claramente apolóxico dun réxime ditatorial

O derrubo vén agora ditaminado pola sentenza emitida o 4 de setembro polo xulgado número 2 de Vigo, en relación ao recurso contencioso-adminitrativo presentado pola Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36, que leva anos pulando pola eliminación dunha cruz levantada por iniciativa da Falanxe na denominada posguerra, e que PSOE -Abel Caballero á cabeza- e PP de Vigo negábanse a liquidar, malia as diversas iniciativas, a última no propio concello a cargo do BNG hai un ano.

O monumento foi inaugurado polo propio Franco, e agora grazas á, por fin, aplicación da Lei de Memoria Histórica debería procederse a súa retirada, após unha sentenza que, como afirma o diario vigodixital.com, afirma que “é un feito indiscutido que a significación orixinal da Cruz ubicada na ladeira do Monte do Castro era pura e exclusivamente política, de exaltación da sublevación militar golpista de 1936, dos vencedores da Guerra Civil e da posterior represión”. “Non pode atribuírse agora ao monumento unha significación relixiosa que nunca tivo, tratándose dunha mera adopción ou reelaboración dun símbolo cristián por parte do ideario falanxista que se empregou con finalidade propagandística dun determinado réxime político”, engade o texto. As partes teñen quince días para presentar recurso contra unha das reivindicacións simbólicas máis importantes da cidade, que parece dunha vez ser escoitada.

Comentarios