Illa Bufarda prepara un documentario sobre o dentón

A semente galega do LSD

Dentón, caruncho, cornecello, grao de corvo, dente de can, cornizó. Un fungo que lle medra ao centeo. Ademais, a semente da que derivou o LSD. E o núcleo de non poucos usos aplicados na industria farmacéutica. Protagonista dunha historia apenas coñecida, que incluíu a febre por recollelo e a especulación mercantil, o claviceps purpurea centra o novo proxecto documental de Illa Bufarda.
 

cornizó
photo_camera O dentón ou cornizó nunha espiga de centeo. Foto: Galipedia.

Ninguén parece lembrar o dentón. E, porén, ao preguntarllo a persoas de máis de 70 anos, todo o mundo sabe de que se trata. Esa é polo menos a experiencia de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva, as cineastas que investigan a materia e que veñen de activar un web de micromecenado (goteo.cc/odenton) e presentar a iniciativa no Museo do Pobo Galego.

“A idea orixinaria do filme naceu un día calquera”, relatan vía telefónica a Sermos Galiza, “cando a nosa compañeira de piso chegou e dixo que a súa avoa traficara con LSD. A nosa cara foi de incredulidade, claro”. Un terzo de esaxeración, un terzo de brincadeira, un terzo de verdade,  a compañeira de piso referíase ao dentón ou caruncho, un dos elementos a partir dos que, a finais dos anos 30, o químico suízo Albert Hoffman sintetizou o ácido lisérxico ou LSD. O pasado galego da revolta psicodélica, poderían titular.

Mais Iglesias e Villanueva decidiron afondar. Descubriron que o fungo claviceps purpurea co que comerciaba aquela señora era un ingrediente fundamental da medicina tradicional. Tamén da obstetricia. E que estaba relacionado coa riqueza das materiais primas. “Fixemos entrevistas con grupos de persoas e, malia ser un tema moi descoñecido, vimos que case todas as persoas con máis de 70 anos tiveran experiencias co dentón”.

A importancia das súas cualidades farmacolóxicas foron o maior achado nesta primeira fase de documentación para O dentón -así se titulará a obra. Como esa pequena protuberancia escura que agroma en espigas de centeo serviu de base a Zeltia, a gran empresa farmacéutica galega, certifícao. Útil para contribuír aos partos e evitar as hemorraxias posteriores, ou para combater as xaquecas, del fabricáronse medicamentos.

A febre do cornizó


“Nos anos 50 houbo unha febre do dentón por causa de que fallou o subministro ruso”, falan. Chegaron a se pagar mil pesetas [seis euros] da época por quilogramo. Os prezos galegos podían influír, explican, no Xapón ou en California. Mais a querenza polo fungo, abondoso en Galiza por ser o país territorio centeeiro -especialmente o interior-, remitiu. Os motivos foron varios.

“O trigo substituíu o centeo, que antes era moi maioritario”, expoñen Iglesias e Villanueva, “pero mesmo no centeo ás veces sae o dentón e ás veces non. A humidade, as mudanzas no clima, inflúen. Tamén depende, como nos contaron en Sandiás, de que semente se emprega”. A industria farmacéutica tampouco o precisa como o precisou, porque xa o sintetiza en laboratorio.

Queda apenas a memoria dun produto cuxas implicacións sociais e económicas explorará o documentario da produtora Illa Bufarda. Unha vez completado o financiamento (goteo.cc/odenton), o seu plan é rodar durante o verán e estrear o filme en 2020.

Comentarios