A segunda edición de 'Os nomes do terror' chega á Coruña, Compostela e Vigo

As presentacións da primeira obra global que atinxe aos nomes e os enderezos dos criminais de 1936 chegan esta semana á Coruña, Compostela e Vigo. O local da asociación cultural Alexandre Bóveda da Coruña acollerá, esta cuarta feira ás 20.00, os historiadores Emilio Grandío e Eliseo Fernández, o presidente de Sermos Galiza Xoán Costa e mais o activista pola memoria histórica Manuel Monge para falar sobre Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron.
 

 milicianos fascistas desfilando por Mondoñedo. Foto de Nomes e Voces
photo_camera Os milicianos fascistas desfilando por Mondoñedo. Foto de Nomes e Voces

Grandío é autor dun dos 13 estudos incluídos no pioneiro libro editado por Sermos: Sobre vítimas e verdugos: o caso da Delegación de Orden Público da Coruña de novembro de 1936. "Até agora contabamos con números estudos sobre as vítimas da represión pero a realidade dos represores permanecía agochada", expón a presidenta da Alexandre Bóveda María Xosé Bravo.

A quinta feira, Os nomes do terror presentarase simultaneamente en Vigo e Compostela. Ás oito do serán na libraría viguesa Cartabón, o xornalista Afonso Eiré, o representante da editora Manuel Mera e mais os investigadores Bernardo Maíz -autor do ensaio 1936-1977. Dos tribunais militares ao TOP- e Judith Carbajo -responsable do texto Agrupacións, procedementos e actuacións dos suxeitos represores en Galicia- falarán arredor da obra.

En Compostela, tamén esta quinta feira pero ás 20.30 horas, Os nomes do terror axuntará no espazo enocultural Vide Vide a Xoán Costa, a Xosé Ramón Ermida e Xoán Carlos Garrido -ambos os dous coordinadores do libro e autores, respectivamente, de Para nós matar é unha honra. As Escuadras Negras de Falange e Este é o deus dos fascistas, recollidos en Os nomes do terror- e mais á directiva da asociación O Galo.

Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron esgotou a súa primeira edición de 1800 exemplares en menos de dous meses. Na actualidade, a segunda está a arribar ás librarías.

Comentarios