‘O Santo’, un superheroe ferrolán esquecido

José Luís Arribe Rodríguez era un apaixonado do mar, dominaba a costa de Valdoviño.
RIA DE FERROL FOTO DE TURISMO DE GALIZA
photo_camera (Foto: Turismo de Galiza)

Anos setenta, saía das frías augas oceánicas da praia de Valdoviño un homazo vestido unicamente cun traxe de baño, aletas, gafas, tubo e unha longa fisga de aceiro feita de dúas pezas enroscadas, forxada, como non, nos estaleiros da Bazán en Ferrol, á cal viña ensartado un congro monstros de sesenta quilos. Dita captura publicárase na época no xornal La Voz de Galicia. O protagonista de semellante fazaña fora José Luís Arribe Rodríguez, alcumado 'O Santo', natural do barrio ferrolán de Santa Icía, que no decurso de moitos anos, alugaría xunto a súa numerosa familia (tivo nove fillos) o baixo dunha casa situada a continuación dunha antiga froitaría, xusto no cruce do centro da localidade de Valdoviño, na estrada xeral que vai cara a Cedeira e que se convertería na súa segunda vivenda para o tempo de lecer.

José Luís Arribe Rodríguez era un apaixonado do mar. Xa fuxía de moi novo da casa de seus pais para vir a mariscar e para mergullarse facendo pesca submarina no litoral de Valdoviño, costa que chegou a coñecer tan ben que até se fixo un experto no coñecemento das súas correntes, experiencia que lle valeu ao longo da súa vida para rescatar de morrer afogadas a numerosas persoas neste bravo e aberto areal, entre elas, estaba a filla do famoso médico ferrolán José Antonio Castro Arenas, o cal agradecido por tamaña acción benefactora, púxolle diante un cheque en branco, dicíndolle: “Escribe a cantidade que queiras que cha pago!” Mais 'O Santo', co orgullo que o caracterizaba, declinou recibir recompensa ningunha. Noutra ocasión, salvou de morrer afogadas a tres persoas na mesma praia rescatándoas á vez, levando unha debaixo de cada brazo e á terceira pendurada do seu pescozo. 

‘O Santo’ salvou moitas vidas. Na actualidade non ten ningún símbolo no litoral de Valdoviño que lembre as súas fazañas, mais o vello Simbad dime que se lembra del a pesar dos anos transcorridos...

Outra historia memorábel deste home foi cando ao remate dunha xornada laboral no estaleiro ferrolán de Bazán, desafiou os seus compañeiros de traballo dicíndolles que chegaría el antes a nado a Mugardos cruzando a ría que os seus compañeiros conducindo pola estrada un Seat 600. Cando o vehículo fixo entrada pola recta do peirao mugardés ateigado de tabernas, 'O Santo' xa estaba fronte a unha delas rematando de vestirse.

José Luís Arribe Rodríguez nos anos sesenta, foi asiduo cliente dun bar que tiña televisión e que estaba situado ao carón da súa casa de Valdoviño. A partir do ano 1962 comezou a emitirse pola pequena pantalla a serie, The Saint, El Santo, na versión española. O seu protagonista era o famoso actor británico Roger Moore. Luís, ademais de estar abraiado coa serie do axente 007 tiña un lunar enriba do beizo superior igual que o famoso actor inglés, e sería bautizado polos seus veciños con dito alcume o cal faríalle compaña até a fin dos seus días.

'El Santo' salvou moitas vidas. Na actualidade, non ten ningún símbolo no litoral de Valdoviño que lembre as súas fazañas esquecidas, mais o vello Simbad na súa travesía ás Illas dime que se lembra del a pesar dos anos transcorridos… un día que as súas mans se conxelaban levando a cana do leme navegando por estas latitudes, viuno saír das axitadas augas co seu corpo case nu, cheo de rabuñados e de espiñas de ourizos cravadas de bater coas cons tapizadas de vizosos equinodermos, contra as que o inconmesurábel Atlántico o empurraba! Coma Neptuno co seu tridente, 'El Santo' ofreceulle ao vello Simbad un cadro mitolóxico pisando ao fin o tan desexado areal con ese anjiacho inmenso cravado pola cabeza, mesturándose o seu sangue coa do peixe e coa escuma do océano, sendo home, peixe e mar, un mesmo ser, porque no fondo…somos salitre.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios