Breve análise da violencia rebelde no Ribeiro (1936-1939)

E o sangue chegou ao Avia...

Vítimas e verdugos, verdugos e vítimas. O terror que substituíu a Guerra Civil en Galicia catalogou múltiples axentes sociais entre vítimas e vitimarios. Malia coincidiren en diversas ocasións, elaboraremos un relato que conxugue os nomes e apelidos das personalidades que fulminaron a realidade republicana cos que artellaron a construción do novo réxime. Aproximarnos á realidade local do Ribeiro axudaranos a comprender as dinámicas xerais e asimilar as múltiples singularidades desta comarca vitícola ourensá.
Falanxistas de Ribadavia no almacén de víveres de Luarca en Asturias. (Foto: Arquivo da Biblioteca Nacional de España)
photo_camera Falanxistas de Ribadavia no almacén de víveres de Luarca en Asturias. (Foto: Arquivo da Biblioteca Nacional de España)

Violencia indómita e simbolismo fascista

A forza conservadora no Ribeiro republicano residía no caciquismo radical-bugallista e nunha Renovación Española que, grazas á recuperación de ex-upetistas vinculados a Calvo Sotelo, estaba a alcanzar unha notable implantación na comarca (Soutelo Vázquez, 2001: 147). Pola contra, Falanxe era residual con pequenos núcleos en Castrelo de Miño, Carballeda de Avia, Ribadavia, Arnoia ou Cortegada (Núñez Seixas, 1993: 158); non obstante, medrou notablemente durante a primavera do 36. En xullo foron detidos José Peña, Antonio Chao e Antonio Soto «por desfilar por aquella villa con trajes y camisas fascistas»; mesmo o falanxista ribadaviense Eduardo Martínez tentou asasinar, sen acerto, o alcalde da vila Benito Gallego Montero nas xornadas previas ao 18 de xullo.

Coa sublevación, a violencia desatada foi terrible. O nome do Abisinio aínda infunde temor nas terras do Ribeiro; era un home sen alma, un sicario contratado pola Falanxe local para asasinar a todos os «elementos marxistas» da comarca. A pesar de non contar con documentos oficiais que o rexistren, existen moitas historias sobre el na memoria oral ribadaviense e algún texto contemporáneo en Nova Galicia.

É moi probable que este asturiano fose un dos máximos responsables de guindar os rojos da ponte de Castrelo e dos paseos durante o 36, iso si, co beneplácito das cabezas ribeirás de Falanxe como José Peña González ou o delegado militar, Siro Alonso. Outros foron levados á cadea do mosteiro de Celanova ou fusilados no Campo de Aragón baixo as ordes do comandante militar da provincia, Luís Soto Rodríguez. 

O medo fixo que moitos activistas se recollesen nos faiados das súas casas, se agochasen baixo as medas do esterco ou escapasen ao monte. Foi o caso do membro da Sociedade Agraria Socialista da Veiga e alcalde de Carballeda de Avia, Benigno Gómez Gómez, quen estivo case tres anos escapado. En abril do 39, un par de meses despois da súa captura, instalouse un campo de concentración no mosteiro de San Clodio (Leiro) que, grazas ao estudo recente de Hernández de Miguel (2019: 345-346), sabemos que estivo operativo até o mes de novembro. 

Secasí, a bandidaxe practicada non responde só a unha violencia espontánea en quente. Así fora planeado por Emilio Mola nas súas disposicións e contou co apoio de grandes propietarios locais próximos á Falanxe como Pegerto González Rodríguez ou Antonio Estévez Mosquera. O alto número de denuncias realizadas constituíu un xeito de dar credo ao terse convertido recentemente á Falanxe, mais era tamén un síntoma das liortas existentes no núcleo social máis relevante do rural: a parroquia.

As rifas veciñais foron chave para a depuración intrínseca ao golpe. Malia que a babilónica Lei do Talión seguía vixente na tamén mesopotámica comarca do Ribeiro, entre o Avia e o Miño, algunhas excepcións amosan como certas persoas salvaron a vida grazas ás relacións horizontais da comunidade veciñal. José Meixengo Pereira, alcalde da Arnoia, foi acusado de «actuación extremista» polo antigo rexedor Evencio Álvarez Bangueses e defendido, paradoxalmente, polo secretario da Falanxe José Meleiro Fernández.

Esa declaración salvoulle a vida pero non evitou o seu procesamento penal e a incautación dos seus bens. O golpe non logrou rematar coa articulación comunitaria; Praza Rodríguez (2004: 258-260) recolle como a veciñanza de Xubín se organizou no Nadal do 38 e impediu o traslado de documentación á nova sede municipal pese ao clima de terror existente. 

Se queres seguir a ler este capítulo do coleccionábel 'Os nomes do terror' só tes que ir ao quiosque ou á nosa loxa online para mercar o Nós Diario de hoxe. Para que non che volva ocurrir isto, poderás gozar do xornal na túa casa se fas hoxe mesmo a subscrición!

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios