Sancho I, o rei da Galiza que non existe

Hai 1024 anos, o 16 de abril de 926, era coroado como rei da Galiza na catedral de Compostela, Sancho I, para a historiografía Sancho Ordoñes, rei privativo da Galiza até 929, enterrado no panteón real de Santa María de Castrelo de Miño.
 Lobio
photo_camera Restos do mosteiro de San María de Loio.

Foi un instrumento da oligarquía galega na súa loita pola hexemonía no espazo cristián peninsular. Á morte de Ordoño II, monarca ligado ao núcleo central da nobreza galega polo seu matrimonio con Elvira Menéndes e imposto por ese mesmo sector social no trono após provocar a abdicación do seu pai Afonso III, abriuse un período de inestabilidade política baixo o reinado de Froila II. Sucesor do seu irmán Ordoño á fronte da Coroa nun episodio pouco claro, non contou nunca co apoio das elites galegas, malia a súa activa axenda gobernamental en relación co país, simbolizado nos seus esforzos por gañarse o favor do bispado galego.

O retorno dos Ordoñes era un feito en 926. Morto Froila II e entronizado o seu fillo Afonso Froilaz, os principais magnates da Galiza abriron batalla contra o novo monarca derrotándoo en diversos escenarios e obrigándoo a refuxiarse na área asturiana, zona tradicional da súa influencia e onde contou con sectores da nobreza, que xa apoiaran o seu pai no pasado. A vitoria do partido galego abriu a porta a unha reorganización do poder, escasamente clarificada pola historiografía pola ausencia dunha documentación definitiva, que situou a Sancho Ordoñes á fronte das terras galego-portuguesas e ao seu irmán Afonso noutras áreas do reino cristián occidental.

Os fillo de Ordoño II e Elvira Menéndes

A relación entre os fillos de Ordoño II e Elvira Menéndes requiren dunha revisión. Tradicionalmente, seguindo a tese do historiador Claudio Sánchez Albornoz, deuse por seguro un litixio entre Sancho e o seu irmán, o futuro Ramiro II con Afonso, porén foi moi abondosa a documentación contemporánea que negou esa visión. Esta foi debedora das crónicas do historiador Ibn Haian (Córdoba, 978-1075), que significou a rivalidade entre os irmáns, a pesar de aparecer asinando conxuntamente moitas doazóns e presidindo diversos encontros e xuntanzas da nobreza galega, entre elas a celebrada en terras de Sarria, para restaurar o mosteiro de Santa María de Loio.

O reinado de Sancho I foi outro exemplo da loita da Galiza pola hexemonía política na área peninsular

Segundo Ibn Haian, “cando morreu  Froila, fillo de  Ordoño, rei de Galiza, a quen deus maldiga (...) os cristiáns fixeron rei no seu lugar o seu irmán, Afonso fillo de Ordoño, a quen lle disputou o trono o seu irmán Sancho, fillo de Ordoño, maior que el, o cal entrou en León, capital do reino dos galegos, como opoñente do seu irmán Afonso, sendo apoiado por algúns galegos, mentres que outros se mantiveron fieis a este (...) até que acordaron depor a Sancho e expulsalo de León, uníndose baixo o rei Afonso fillo de Ordoño. Sancho 

fuxiu entón ao extremo da Galiza, cuxa poboación o recoñeceu e entronizou, sendo súa unanimemente, mentres o seu irmán Ramiro, fillo de Ordoño (...), posuíu a zona adxacente desde o oeste da Galiza até o límite de Coimbra”.

Sancho I facía parte do núcleo duro da oligarquía galega. Fillo da raíña Elvira Menendes, era neto de Hermenexildo Guterres, o auténtico líder da nobreza galega no século IX. Naceu na Galiza nuclear arredor do 895, sendo educado nas terras entre o Douro e Mondego por Ónega, irmá de Afonso O Magno, e polo seu marido Diego Fernández, outro poderoso oligarca ligado á familia dos Guterrres, por conseguinte parente da raíña e membro do núcleo familiar que mantivo a Coroa até Vermudo III, morto no 1038 na batalla de Tamarón. A súa sucesora e irmá foi a emperatriz Sancha, nai dos reis García, Afonso VI e Urraca e avoa do grande emperador Afonso VII.

A raíña Goto Nunes

A súa política, na liña da desenvolvida por seu pai Ordoño II, buscou estreitar aínda máis relacións coa nobreza galega pola vía dos pactos matrimoniais, casando coa súa curmá por vía materna e paterna Goto Nunes. Dona Goto era filla de Elvira Airas, neta do gobernador de Coimbra, Airas Menendes, e sobriña de Guterre Menendes, integrante tamén da poderosa familia dos Guterres. Seu pai, o conde Munio Guterres, era fillo de Guterre Menendes e Santa Ilduara, irmán de  San Rosendo, sobriño da raíña Elvira Menendes e de Ordoño II e curmán do rei Sancho I.

O reinado de Sancho I alongouse entre 926 e 929. Malia ser excluído da relación de reis de Afonso O Sabio, que fixou a numeración dos monarcas anteriores que chegou até hoxe, a información sobre o seu reinado na documentación da época é relativamente importante. Coroado en 16 de abril de 926 na Catedral de Compostela polo arcebispo Hermenexildo, a súa xurisdición correspondeuse coas terras da Galiza nuclear e o espazo xeográfico entre os ríos Miño e Mondego, gobernado por delegación polo seu irmán Ramiro, estadista de grandes capacidades, que rexeu como Ramiro II e foi coñecido polos seus contemporáneos como O Grande.

A súa morte abriu a porta á centralización do poder do reino na figura de Ramiro II. Enterrado no panteón real de Santa María de Castrelo de Miño, un mosteiro ligado aos Guterres, onde a raíña Goto se retirou como abadesa mais conservando o seu título rexio, Sancho I foi outro exemplo da loita da Galiza pola hexemonía política na área peninsular.

Comentarios