12ª homenaxe nacional

San Simón honra as vítimas do facismo

Por décimo segundo ano consecutivo, a Iniciativa Galega pola Memoria honrará as vítimas do fascismo nunha homenaxe nacional. E será na emblemática illa de San Simón, na ría de Vigo, o vindeiro domingo 22 de xullo. Asistirán catrocentas persoas, organizadas nas asociación que compoñen a plataforma.
 

homenaxe vítimas franquismo san simón 2013
photo_camera Imaxe da Homenaxe Nacional ás Vítimas da Represión Franquista en 2013. Foto: Iniciativa Galega pola Memoria.

San Simón, amais de célebre materia poética para o trobador medieval Meendinho, foi un campo de concentración e exterminio en que os franquistas pecharon demócratas de todas as cores: comunistas, anarquistas, socialistas, galguistas, republicanos. Os historiadores calculan que unhas 6.000 persoas pasaron polo lugar, procedentes de zonas próximas de Galiza mais tamén de fóra.

A Homenaxe nACIONAL ás Vítimas da Represión Franquista comezará ás doce menos cuarto da mañá do domingo, cunha visita guiada á illa. Sobre a unha do mediodía, o bacto central consistirá nas intervencións dos colectivos adheridos á Iniciativa Galega pola Memoria, nunha ofrenda floral e na interpretación do Himno Galego.

A xornada completarase cun xantar xa fóra da illa, no parque carballeira da igrexa parroquial de Cobres (Vilaboa), a partir das tres da tarde. “Cada quen levará a súa comida”, avisan desde a organización.

Unhas 35 asociacións e colectivos fan parte da Iniciativa Galega pola Memoria, unha federación que funciona desde 2007. Entre os seus principios fundacionais atópanse a condena do franquismo, o recoñecemento explícito da resistencia antifranquista, a esixencia de nulidade dos xuízos franquistas, a derrogación da Lei de Anmistía de 1977 ou a regulación da apoloxía do franquismo como delito.

Para acudir á homenaxe do domingo 22 de xullo cómpre poñerse en contacto con algunha das entidades adheridas á Iniciativa pola Memoria, que xestionan as 400 prazas dispoñíbeis.

Comentarios