Reivindicarase a illa como espazo para a memoria

San Simón acolle este domingo a homenaxe nacional ás vítimas do terror franquista

Máis un ano, a Iniciativa Galega pola Memoria organiza na Illa de San Simón a homenaxe nacional ás vítimas do franquismo. Será este domingo, 17 de xullo, e nesta ocasión contará con especial relevancia, pois a segunda feira fanse 80 anos do golpe de Estado e dos asasinatos.

Illa de San Simón
photo_camera Imaxe da Illa de San Simón

Como cada ano, a Iniciativa Galega pola Memoria, na que se insiren as asociacións en defensa da memoria, realiza a homenaxe ás vítimas do franquismo. O de 2016 será un acto de especial relevancia por canto se fan 80 anos do aniversario do golpe de Estado e do regueiro de galegos asasinados e represaliados polos próximos ao réxime.

Mentres que en 2015 o acto se centraba no exilio invisíbel, neste 2016 o acto porá o foco en reclamar atención sobre o espazo da Illa de San Simón como enclave fundamental para a memoria. Desde a Iniciativa Galega pola Memoria explícase que na illa “houbo moitas persoas presas na súa colonia, agardando en moitos casos un desenlace tráxico”. “É un sitio para o recordo, mais tamén para reivindicar a xustiza nun presente onde aínda segue vixente a impunidade, a mentira e a apoloxía dese réxime de terror”, apunta a organización.

Programación

Segundo informan en declaracións a Sermos Galiza fontes da organización, a partir das 12h comezará o acto coa lectura do manifesto da Iniciativa Galega pola Memoria, un manifesto que, como xa se apuntou, apelará á necesidade de facer de San Simón un espazo reivindicativo como Illa da Memoria.

Após a lectura do manifesto terá lugar a intervención do historiador Dionisio Pereira e mais a actuación musical de 2naFronteira. Para concluír, realizarase a ofrenda floral e a solta de pombas. O Himno Nacional porá fin a este acto, aínda que durante o resto da mañá desenvolveranse diversas actividades pola illa.

Antecedentes

As homenaxes nacionais ás vítimas da represión comezaron a realizarse en San Simón en 2006, hai precisamente unha década, da man da Consellaría de Cultura da Xunta de Galiza, da que era responsábel, daquela, o BNG. En 2009, a chegada do PP ao Goberno suprimiu as conmemoracións e as exposicións sobre a historia do campo de represión que acollera a illa.

Foi nese 2009 cando as asociacións de recuperación da memoria decidiron facerse cargo das homenaxes nacional anuais e, en consecuencia, organizar o Día da Memoria, que cae no domingo máis próximo ao 18 de xullo. Desde entón, a Iniciativa Galega pola Memoria lembra as persoas que sufriron o terror.

Comentarios