'Saluto', o anarquista de Sabarís que inventou os 'colectivos'

Na capital arxentina, con “colectivo” refírense a rede de liñas de autobús que percorren a área metropolitana. A súa orixe remóntase a 1928, cando un grupo de taxistas con Pepe Pérez Luís 'Saluto' á fronte, decidiron realizar un percorrido fixo e deixar subir a máis dun pasaxeiro. 
Protesta organizada pola FORA en Bos Aires
photo_camera Protesta organizada pola FORA en Bos Aires.

Un dos ideólogos máis senlleiros do anarquismo, tanto na Arxentina como en Catalunya (foi conselleiro de economía na Generalitat de Companys), Diego Abad de Santillán, recorda nas súas Memorias (1977) un galego e esperantista “que asinaba as súas colaboracións na nosa prensa co pseudónimo de 'Saluto'. Refírese Abad ao xornal La protesta, portavoz oficioso da Federación Obreira Rexional Arxentina (FORA), que el mesmo dirixiu na década dos 20 do pasado século.

Non tanta precisión amosa a respecto do nome do, na altura, taxista que lle achegaba informacións de países orientais como a China, Xapón ou a India, apañadas de publicacións en esperanto, pois chámalle Xoán cando na realidade era Xosé. Pérez Luís de apelidos. Nacera en Sabarís e, seguramente na compaña do seu irmán Luís, emigrara, como tantos e tantas, engaiolado polas farturentas promesas que chegaban da beira do Plata. 

Abad recorda aquel taxista “de aparencia quixotesca, ao volante do seu vehículo, vello e estartelado, que lle lembraba ao cabaleiro da Mancha e ao seu Rocinante”, tras describirnos a agoniante situación do gremio do taxi no Bos Aires de 1928, que obrigaba a uns a aparcar os seus coches e a outros a cambiar de actividade, arruinados pola competencia do tranvía que reducía prezos e rebordaba de viaxeiros.

A organización dos taxistas de Bos Aires

Descartadas diversas alternativas, di Santillán que se lle ocorreu que se os taxis, na vez de andar a dar voltas na procura de pasaxeiros, se poñían en fila e facían un percorrido fixo, dun lugar a outro, ambos determinados, como os tranvías eléctricos que os levaran a ruína, e poñían unha tarifa baixa poderían competir con estes. Continúa o dirixente anarcosindicalista: “O amigo Xoán (xa comentamos o erro) López, entusiasmouse coa idea, que lle pareceu excelente e acordamos que a exporía na primeira asemblea do gremio, como así fixo”. Na masiva reunión algúns tomaron a proposta con sorna, pero outros moi en serio. A Abad doeulle que algúns dirixentes quixesen deixala en ridículo. 

O caso é que aos dous días comezaron a formarse liñas de taxis con percorridos fixos sinalados en taboleiros nos teitos dos automóbiles. Eran coches grandes que podían levar até seis pasaxeiros; movíanse con rapidez e competían cos tranvías. Os cidadáns colléronlle cariño aos “colectivos” e aos “colectiveros”. En poucas semanas non había taxis para cubrir todas as liñas establecidas espontaneamente. Foi un éxito, o taxi colectivo converteuse no sistema de transporte favorito da cidade, os tranvías comezaron a circular case baleiros e o capital inglés propietario da concesión comezou a premer sobre o Goberno Irigoyen, pero este apoiou  os “colectiveros”. En poucos anos os tranvías desapareceron. O primitivo taxi converteuse, di Abad, en micróminibus  pero seguiron a chamarse “colectivos” e uniron o conglomerado urbano do gran Bos Aires.

Ante tal éxito Abad suxeriu constituír un gran consorcio que abarcase o transporte urbano e suburbano de pasaxeiros e de longa distancia. Pero, continua Abad, “o movemento obreiro e a  mentalidade difundida á sombra dun revolucionarismo dialéctico non estaban preparados para tanto […], no lugar dunha grande empresa socializada, xestionada polos mesmos traballadores, formáronse varios centos de pequenas empresas independentes, unha por cada liña estabelecida”.  E conclúe: “e faltoume o 'Saluto', para interpretar ese paso construtivo de incalculábeis consecuencias”.

A fundación do sindicato de chóferes

Non sei se 'Saluto' sería só interprete, que seguramente si, pero tamén debeu ser compositor; só que o que escribe deixa a súa verdade impresa. Catro anos antes da eclosión dos “colectivos”, infórmanos o estudoso do anarquismo bonaerense Juan Manuel Ferrario, en 1924, constituírase a “Unión de Chauffeurs”, dentro da FORA, e Pepe 'Saluto' foi un dos fundadores e estaba presente na primeira comisión administrativa. Historiadores arxentinos sinalan a data como a de comezo dos “colectivos”, aínda que non fose dun xeito xeneralizado senón para momentos puntuais como a asistencia a “canchas” de fútbol ou outros acontecementos.

Abad, ademais de lamentar a ausencia de 'Saluto' no segundo paso que imaxinaba de inmensas repercusións, infórmanos que logo da gran mobilización dos taxis, 'Saluto', “vendeu o seu estartelado coche e regresou a súa terra”, “ergueu unha modesta vivenda”, e formou “unha colectividade de amigos que cultivaban a terra”. Remata: “ese soñador inofensivo foi executado […]. Non merecía ese destino”.

Coidamos que o regreso de 'Saluto' non foi tan voluntario como afirma Abad, senón, cando menos segundo informacións orais e dalgúns investigadores, retornou obrigado. Non sabemos o ano exacto da súa volta, en todo caso debeu ser ao redor do ano da proclamación da II República. O máis probábel é que fose deportado na feroz persecución contra a esquerda e o sindicalismo decretada pola ditadura militar de Uriburu (1930-1932), no marco da Gran Depresión. 

O caso de 'Saluto' non sería extraordinario, pois foron moitos os desterrados da Arxentina e doutros países americanos até o punto de que en Vigo había un Comité Pro-Presos e Perseguidos Internacional, que se ocupaba da reinserción dos expulsados, representado polo dirixente anarcosindicalista vigués Dalmacio Bragado Ruíz (1893-1986), que mantiña contacto con Abad de Santillán, e o “polémico” Jesús Lago Barbeito, delegado da “Unión de Chauffeurs” da FORA e encargado de xestionar os fondos que enviaban desde Bos Aires.

A granxa ‘O esperanto’ da Ramallosa

Tras asentarse en Santa Cristina da Ramallosa, parroquia á que pertence Sabarís no concello de Baiona,  centrou a súa atención no desenvolvemento agrario e na innovadora granxa  ecoloxista denominada “O esperanto”, que traballaba xunto co seu irmán Luís e converteron nun moderno e produtivo verxel, segundo testemuños orais. Ao tempo, continuou coa súa actividade como dirixente da CNT e difusor cultural a través da asociación Francisco Ferrer i Guardia que tiña a súa sede, compartida coa UGT da que era dirixente o seu irmán,  na casa familiar de Sabarís. Pepe 'Saluto', serio, alto e delgado, con fama de grande orador e aureola de bondadosa santidade, seguía a colaborar na prensa anarquista, agora en Solidaridad Obrera,  órgano da CRG, editado na Coruña.

Sempre na procura de alternativas sociais reflexiona sobre as súas preocupacións agrícolas e as condicións da vida labrega. Nunha das súas colaboracións, escribe: “Observo a vida campesiña e recoñezo que carecen de tempo libre para instruírse. Nin un periódico le a maioría […]. Sempre hai algo que facer! Son escravos por rutina, son tan amigos das herdanzas que até herdan a escravitude dos pais e avós”. 

Noutra ocasión bota contas sobre as leiteiras, como antes fixera sobre os taxistas. Matina agora na parroquia de Belesar, en Baiona, que conta con 60 leiteiras que todos os días fan a pé 10 quilómetros para vender seis ou sete litros de leite cada unha. Isto é percorren 600 km para vender 360 litros de leite, case dous quilómetros por litro. Chova ou trone. Media mañá fora do fogar e cansazo ao mediodía. Son veciñas e van xuntas, mais nunca matinaron e evitar tanta molestia. Por exemplo cun carriño e un cabalo, xuntando todo o leite e encargándolle a unha ou dúas, por quendas, o reparto. Terían unha cooperativa de venda e sen empregados. De regreso poderían mercar azucre, o café, o peixe… e terían unha cooperativa de compra, que podería esixir e obter rebaixas en tendas ou almacéns, pois serán 60 clientes. Un caderno e un lapis era o que precisarían para levar as contas e, por riba “darían o primeiro paso cara ao Comunismo Libre”. 

Eran os matinares de 'Saluto' cando espertaron á besta.

Comentarios