Sada pide un proxecto de lei para a restitución do Pazo de Meirás ao patrimonio público

Que o decreto que prevé a exhumación de Franco se tramite como proxecto de lei para dese xeito abrir tamén o camiño que leve ao retorno ao público do Pazo de Meirás. Iso é o que pediu este sábado o alcalde de Sada, Benito Portela (SadaMaioría), após ver inserido o decreto no BOE.

Pazo de Meirás
photo_camera Un aspecto do Pazo de Meirás

Se o decreto se tramitar como proxecto de lei, as e os parlamentares poderíano modificar vía emendas. Dese xeito, abriríase a posibilidade de que esta norma legal contemplase os mecanismos para que o Pazo de Meirás —espoliado polo ditador como botín de guerra— se restituíse ao patrimonio público.

Así o defendeu este sábado o alcalde de Sada, quen —por meio dun comunicado de imprensa— mostrou a súa confianza en que unha eventual emenda nese sentido contase co apoio de todas as forzas políticas con representación parlamentar (non parece probábel tendo en conta que nen PP nen Cs teñen intención de respaldar no Congreso o decreto de exhumación dos restos mortais do ditador).

Porén, para Benito Portela a tramitación do decreto como proxecto de lei constitúe "unha oportunidade histórica para acabar coa vergoña democrática que supón que os herdeiros do ditador continúen a detentar o Pazo de Meirás". En todo caso, se modifique ou non a Lei da Memoria Histórica por esta vía, o goberno local de Sada insta o executivo de Pedro Sánchez a que "acorde e ordene xa á avogacía do estado o exercicio das accións xudiciais para recuperar o Pazo para a titularidade e usos públicos". 

A familia si que se fará cargo dos restos de Franco

Este mesmo sábado, un dos netos de Franco, Francis Franco, revelou nunha entrevista en La Razón que a familia do ditador si que recibirá o seu cadáver. "Non o imos deixar en mans do goberno", dixo.

Os Franco formularán alegacións contra o decreto aprobado polo goberno a pasada sexta feira, mais, segundo avanzou o seu neto, non teñen previsto recorrer a norma legal. "Gastar diñeiro en contra dun goberno é perder o tempo, porque se o fan e o exhuman sería un brindis ao sol", dixo.

Comentarios