O sacrificio útil do Lúa

Hai 74 anos, falamos de 10 de outubro de 1948, rexistrábase en Ourol a morte de Benedito Escourido Cobo. Transcorridos máis de sete décadas do seu falecemento recuperamos a súa loita á altura do seu martirio.

 

Temblas
photo_camera Ficha elaborado pola Garda Civil sobre os guerrilleiros do grupo de Temblás.(Foto:Nós Diario)

Chamábase  Benedito Escourido Cobo pero todos o coñecían como “O Lúa”. Nada en 1928 na familia dos Lúa, en Atián de Miñotos no concello de Ourol, a súa casa actuou como un resgardo seguro para a guerrilla desde que os montes do Xistral se encheron de fuxidos da represión franquista e de loitadores en busca da liberdade.

Antes de subir ao monte, foi ebanista cunhas mans de ouro e músico na banda súa parroquia, onde aínda o lembran tocando o baixo en festas e salóns para dar alegría naqueles anos en negro. Ao tempo, actuou de enlace e axudou aos fuxidos das diversas agrupacións guerrilleiras das terras do Landro.

A morte en combate o 12 de novembro de 1947 do guerrilleiro de Ourol José Vázquez Gómez “Ubaldo” obrigouno a fuxir da casa para librarse dunha represión certa. A partir de aí, ca co ferro na man pasou a ser un miliciano máis nas filas da IV Agrupación do Exercito Guerrilleiro da Galiza.

“Madeira de comunista”

A vida guerrilleira do Lúa foi breve pero intensa. Ao pouco de cruzar o rubicón da clandestinidade no chan, Benedicto Escourido, un mozo que no momento do seu asasinato non cumprira aínda os 20 anos, era definido nun informe redactado polo mesmo José Gómez Gayoso, como “un mozo, con escasas nocións políticas. Será segundo o eduquen. É honrado, está disposto a loitar e ten polo tanto madeira de comunista”.

A súa executoria non ofrece dúbidas. Responsábel dun destacamento da IV Agrupación, participou nos operativos que remataron co castigo de significados represores como Manuel Pol Pérez, o economo de Bravos, executado o 17 de marzo de 1948 no Alto do Pousadoiro, acusado de participar en varios paseos durante os meses que seguiron ao golpe de estado de 1936.

“O Lúa” non deixou de golpear mentres tocaba o baixo nas horas perdidas das gardas nocturnas. Así, entre peza e peza e de nota a nota, fixo parte do grupo de guerrilleiros, que axusticiaron o 18 de xullo de 1948 na parroquia de San Acisclo do Valadouro, en Foz, ao recoñecido represor falanxista, Juna Iglesias Rubal, “O Pinguelo”, un dos nomes asociados a un dos mariñás coches do cangrexo.

A batalla de Leborín

O 2 de outubro de 1947 as forzas da Garda Civil e da Brigadilla deron caza no lugar das Cruces nos montes de Leborín, en Miñotos, no concello de Ourol a José Porto Lestegás “O Herbellas” e  a Benedicto Escourido Cobo“O Lúa”, que feridos enfrontaron o seu final de xeito diferente.

“Herbellas”, pasou a noite gastando a munición que lle quedaba fronte as forzas represivas, comendo diversos documentos con información da partida e reservando a unha ultima bala coa para quitarse a vida.  O “Lúa” detido ao pouco do suicidio do “Hervellas”, foi torurado ao longo de varios días sendo asasinado no salón do Carme de Abaixo (Ourol) onde a Garda Civil parara a xantar.

As causas da caída, as circunstancias das mortes e a identidade das vítimas ficou para sempre no corazón dos protagonistas da loita e na memoria popular. Segundo testemuña un guerrilleiro fuxido a Franza nun informe dirixido á dirección do PCE en 1952, probabelmente Francisco Rei Balbís “Moncho”, “Benedicto foi recollido polo inimigo tomándoo por morto pero ao decatarse de que vivía trasladárono ao “cuartelillo” onde tentaron facelo falar”.

O suposto informe de Moncho, indica que “fixéronlle promesas, torturárono, pero todo foi inútil. Benedicto por todo resposta contestaba “non vos direi nada, nin unha palabra. Após oito días de tortura e ao ver que non sacaban nada, Benedicto foi asasinado”.

O fillo da Lúa

A morte do “Lúa” e “Herbellas” abriu a porta a unha nova vaga represiva que provocou a suba ao monte doutro grupo de enlaces. Unha deles, era Josefa Escourido Cobo, “A Lua”, nai de Benedito Escourido Cobo, morta en combate, co ferro na man, o 21 de xuño de 1949 na bouza do Forcón, na Pena Grande de Silán, canda catro camaradas.

Comentarios